A actividade política a nivel local require unha dedicación constante e José Oreiro é un home que sempre está dispoñible para atender as situacións que se produzan no día a día.
-Ultimamente fálase moito en Carnota de dous asuntos nos que a postura do executivo local estivo cuestionada: a catalogación de O Pindo como parque natural e a acuicultura. ¿Cal é a súa postura?
-Polo que respecta ao monte Pindo, téñoo máis que claro: protección, aproveitamento sostible e promoción ambiental. Todo iso pódese, e coido, que debe facerse dende o Concello. Nós, con axudas, claro está, debemos ser os protagonistas do noso futuro. Somos quen de acadalo, ninguén ten tanto interese coma os carnotáns en preservar o medio natural, e debemos protagonizar o aproveitamento dese inmenso potencial. No tema dos cultivos mariños tampouco teño dúbida algunha de que ese é o futuro que nos agarda. Nós gozamos de potencialidade nese área, xa temos experiencias satisfactorias, e gustaríanos que se ampliaran as granxas de peixes no noso territorio.
-Polo que di, vostede estaría disposto a ofertar a costa de Carnota para a instalación das gaiolas de salmóns, que rexeitan noutras latitudes.
-O asunto está de plena actualidade na comarca, e en contra do que se di, eu non propuxen esa posibilidade, porque tampouco ninguén mo pediu. Non obstante, digo que a cría de peixes en cautividade e as reservas mariñas coma a de Lira son o futuro da produción de especies do mar. Se me pediran o parecer sobre desta cuestión diría que a preservación do medio mariño do municipio será sempre prioritaria. Se me aseguran plenas garantías medioambientais, non dubidarei en axudar a que outro bo número de veciños poida vivir dignamente, traballando na produción industrial de peixes.
-Se chegara esa opción, ¿que lles diría aos seus rivais políticos, que o están a criticar?
-O BNG leva anos dicindo que deben substituírse as bateas por cultivos de peixe. O PSOE foi quen autorizou a implantación das gaiolas de salmón no 2008, e agora parécelles a ambos que dicindo todo o contrario poden arrincar algún voto.