Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Nenos con ollos de xornalista en Rianxo

María Hermida
maría hermida RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Alumnos do Castelao demostraron que se lles dá ben buscar bos titulares

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A de onte foi unha mañá diferente para case douscentos rapaces do colexio Castelao rianxeiro. Aos alumnos de cuarto, quinto e sexto, os maiores desta escola, tocoulles asistir a unha charla que deu unha redactora de La Voz de Galicia. Os alumnos, lonxe de escoitar unicamente, metéronse totalmente na pel dun xornalista e demostraron que son quen de buscar uns atractivos titulares. Igualmente, deixaron claro que a eles a actualidade non os colle desinformados, xa que estaban ao tanto do tsunami de Xapón, das andanzas de Gadafi en Libia e, sobre todo, e tal e como repetían os nenos, «de que levamos moito tempo en crise».

Primeiro tocoulle a quenda aos rapaces de cuarto. A redactora explicoulles que nun xornal traballan moitas persoas, non soamente xornalistas. Entón, xurdiu unha comparación que deixou as cousas claras. Falouse de que unha publicación como La Voz de Galicia traballa como se fose un equipo de fútbol, onde non soamente pode haber dianteiros, senón que teñen que existir tamén adestrador, masaxista, centrais, defensas... «Claro, claro, hai de todo», oíase dicir aos rapaces, aos que lles sorprendeu que todo o proceso de elaboración do xornal se faga en tan poucas horas. Logo, tocou compoñer unha noticia, partindo dun feito que se produciu o sábado na súa vila: a inauguración da casa museo de Manuel Antonio.

Moi colaboradores

Todos e cada un deles sabían quen era o escritor e podían contar, aínda que soamente fose un pouquiño, algo da súa obra. Entón, entre todos, foron elaborando un titular, un subtítulo e unha noticia sobre ese novo recinto cultural. Nenas como Miranda e Mar, que en realidade se chama María do Mar, puxeron moitos grans de area para que todo saíse á perfección.

Logo tocoulles aos alumnos de quinto curso. Novamente, falouse de Manuel Antonio. Pero tamén, e moito, de Xapón e de Libia. E é que entre as novas que máis impactaron aos rapaces ultimamente están esas dúas. Iso si, algún tamén citou cousas menos dramáticas, como os éxitos e desventuras de Fernando Alonso. Os nenos dicían que nos xornais e nos informativos televisivos hai moi poucas noticias positivas. De feito, soamente se lembraban dalgunhas, como que empezara a primavera.

Por último, entraron en xogo os de sexto. Como son os maiores do colexio e demostraron que para eles é pan comido iso de facer unha noticia respondendo aos interrogantes básicos de que, quen, onde, como, por que e cando, a charla tornouse máis profunda. Por exemplo, falouse da diferenza entre unha información, unha reportaxe e unha entrevista. Ao longo da mañá, nenos como Dilan ou Kevin participaron nun bo número de ocasións para preguntar ou dar o seu parecer. Cando terminou a sesión, o alumno David quixo facerlle unha entrevista á xornalista, na que lle preguntou de onde lle viña a vocación e cal era a nova máis impactante que chegara a escribir.

Así foi como rematou a mañá. Iso si, antes de dar por concluído o acto, a xornalista, que falou na biblioteca, sinalou aos moitos libros existentes no colexio e recomendoulle aos alumnos ler canto máis mellor. En realidade, parece que esa materia a aproban con nota e que a estes nenos se lle pegou a intelixencia e arte do ilustre que da nome ás aulas nas que estudan.