A autonomía persoal é o punto de mira das accións de Cogami. Anxo Queiruga insiste en que debe producirse un cambio de mentalidade: «Hai que pasar dunha visión paternalista a unha de cidadanía». Asegura que «é un proceso no que levamos toda a vida embarcados».
-¿O emprego é unha das claves da autonomía persoal?
-Dende logo, é moi importante. A denominada lei de dependencia coñécese así porque realmente é unha lei asistencialista, pensada para os maiores, e non para facilitar a vida independente. A mellor ferramenta que puxo nas nosas mans a Administración foi o Servizo Público de Emprego. Temos en Galicia a 23.000 persoas que figuran como demandantes e o ano pasado logramos traballo para 2.600 solicitantes. Dende 1996 que temos o servizo, máis de 22.000 persoas na comunidade atoparon traballo. En Muros, por exemplo, temos a 47 usuarios traballando. Facemos tarefas de xardinería en Muros, Outes, Ames ou Arzúa. Todos os concellos teñen áreas verdes.
-¿Hai algún proxecto previsto para Barbanza?
-Temos un plan para a construción de vivendas tuteladas en Ribeira, para darlle a oportunidade ás persoas de labrarse o seu camiño. En Ambar hai xente que ten pais xa maiores e que precisan dun servizo deste tipo. O proxecto está bastante encarrilado para que acaden a súa vida independente. En Porto do Son tamén me chamou o novo alcalde para empezar a traballar. Quere que vaiamos mirando, elaborando propostas para mellorar as cousas.
-¿Teme que a recesión económica poida incidir na materialización de iniciativas?
-Corremos o risco de retroceder vinte anos. Hai que manter o que levamos andado e non facer recortes.
-¿Alguén lles dixo que podía habelos ou notan algo?
-Non notamos nada, pero si recibidos mensaxes. Xa lle temos trasladado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a nosa preocupación e el comprometeuse a manter os recursos existentes. Tamén estivo conforme en que non se pode retroceder. As necesidades das persoas con discapacidade son moitas.