Saltou á palestra hai xa quince anos, pola súa vinculación coa Mesa Pola Normalización Lingüística. Primeiro, como responsable barbancés desta asociación e, desde o 2002, como presidente. A defensa do idioma foi sempre o selo de identidade de Carlos Callón e así se reflectiu nas súas publicacións. Pero agora ven de rachar con esa tendencia, sacando á luz Amigos e sodomitas, unha investigación sobre a configuración da homosexualidade na Idade Media. Un libro que fixo a este ribeirense valedor do premio Vicente Risco de ciencias sociais.
Precisamente, á hora de elixir un recuncho, Carlos decántase por una escenario vinculado a esta obra, a igrexa de San Paio de Carreira: «Un dos capítulos do libro está precisamente dedicado á historia deste santo, que foi asasinado no século X por non querer deitarse cun califa de Córdoba. É moi interesante porque a súa historia permite ver a evolución do concepto de sodomitas».
Aínda que o libro ven de publicarse, Callón xa levaba anos traballando no tema: «Comecei estando na universidade, animado polos mestres, que se sorprendían dos resultados da investigación e logo polos propios descubrimentos que ía facendo. Atopei por exemplo unha cantiga amatoria entre dous homes da lírica medieval galega».
O ribeirense recoñece que ver como a historia da homosexualidade e de Galicia fora falsificada foi o que o impulsou a seguir adiante no seu complexo traballo: «Chama a atención que na prédica de Cristo non hai unha crítica á homosexualidade e, como pecado, non existe nos mil primeiros anos de cristianismo».
Posición da igrexa
Neste sentido, Carlos Callón vai máis alá e lanza unha pregunta: «¿Como chegamos ao punto de que a igrexa se preocupe máis porque dous homes ou dúas mulleres se deiten xuntos que porque os bancos practiquen a usura? Hai mil anos non era así». El mesmo apunta como resposta á instauración dos estados absolutistas: «A sodomía empregábase, cando non había outros argumentos, como arma de deslixitimación».
Aínda que o éxito de Amigos e sodomitas está a ser case abafador, e o propio Carlos asegura que o tería publicado hai varios anos se non fose polo tempo que lle resta a presidencia da Mesa, o autor ribeirense volverá ás súas orixes na próxima publicación. Trátase dun libro de sociolingüística que verá a luz a finais deste mesmo mes baixo o título Como defender os teus dereitos lingüísticos. É unha especie de manual de autoaxuda sobre como pode vivirse o día a día en galego para tratar así de escribir o futuro do idioma.
Seguir escribindo e regresar ao ensino, a súa vocación, son os proxectos futuros deste ribeirense que asegura ter claro que a súa corta etapa como concelleiro é auga pasada: «Non teño pensado volver á política institucional».
Carlos Callón
32 anos
Mestre e escritor
A igrexa de San Paio de Carreira: «Un dos capítulos do meu último libro está precisamente dedicado á historia deste santo»