«A estas alturas, aínda hai preguntas sobre Valle-Inclán que me sorprenden»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pasa boa parte do día encerrada entre as paredes dun emblemático edificio da Pobra, a torre de Bermúdez, no que se agocha un dos tesouros máis prezados, tanto do municipio como de toda a bisbarra, o legado de Valle-Inclán. Quizais por iso, a técnica Begoña Olveira non precisa ir máis lonxe para atopar un recuncho preferido: «Alí paso moitas horas, pero tamén considero que, probablemente, é o mellor museo que existe dedicado ao literato». Argumentos non lle faltan para facer esta afirmación e así o reflicte en cada un dos numerosos percorridos que fai polas estancias do inmoble acompañando aos grupos de turistas que chegan á sala.

Begoña converteuse en guía do museo pobrense hai un ano, despois de exercer esta profesión en escenarios moi diferentes, percorrendo España, Portugal e Francia. Asegura que o cambio foi brutal, pero non tardou en collerlle gusto ás longas estancias na torre de Bermúdez: «Foi como pasar da rúa a unha oficina, pero no museo hai bastante trafego. Ás veces pásome tardes enteiras guiando a grupos e incluso os acompaño pola localidade cando piden facer a ruta literaria».

En contra do que se puidera pensar, a técnica pobrense asegura que son poucos os visitantes que chegan ao museo de xeito obrigado: «É certo que ás veces figura no programa deseñado polas axencias, pero cada vez hai máis asociacións de veciños e colexios que planifican directamente as viaxes e se interesan por percorrer a sala. Despois, incluso repiten experiencia».

A diversidade dos grupos que se achegan ata a torre de Bermúdez é un dos grandes atractivos que, segundo Begoña, ten o seu traballo: «Hai que adaptar as explicacións tanto á idade dos visitantes como ao seu nivel de formación e de coñecemento de Valle. Iso fai que este labor sexa ameno e entretido».

Interese dos xaponeses

Venlle á cabeza, por exemplo, un grupo de estudantes universitarios, entre os que había varios xaponeses: «Preguntáronme que era iso do esperpento que sempre se mencionaba ao falar de Valle-Inclán e tamén se interesaron por cales eran as mellores obras para empezar a ler a este autor».

Este non foi o único colectivo de visitantes que deixou pegada en Begoña. Lembra tamén a un grupo de estudantes procedentes de Salceda de Caselas: «Fanse máis entrañables aqueles visitantes que son receptivos, que colaboran e entran en debates. Estes alumnos, por exemplo, trouxeron preparadas pequenas representacións e leron textos». A experiencia tamén debeu de ser gratificante para eles, pois xa confirmaron que repetirán o vindeiro mes de febreiro.

Aínda que é toda unha especialista en temas relacionados coa vida e a obra do creador do esperpento, Olveira lembra que ao principio pasou algún que outro apuro e recoñece que hai quen aínda hoxe en día consegue poñela nunha situación comprometida: «Agora dáme igual falar para dez que para trescentos, pero teño que admitir que a estas alturas, aínda hai preguntas sobre Valle-Inclán que me sorprenden. Ao redor da súa persoa aínda quedan incógnitas por despexar».

Esta pobrense amósase encantada de pasar as horas entre valiosísimas reliquias: «Hai manuscritos, coleccións de primeiras e segundas edicións, libros con dedicatorias, fotografías... Non é só o que está exposto, pois hai un montón de pezas gardadas e quizais sería interesante ir rotándoas». Destaca, sobre todo, algunhas esculturas pertencentes a edicións limitadas e unha colección de carteis «interesantísima, pero que, por cuestións de espazo, sería imposible expoñer de xeito íntegro no museo».

Begoña Olveira

40 anos

Técnica no Museo Valle-Inclán da Pobra

O museo: «Alí paso moitas horas e considero que probablemente sexa o mellor museo que exista dedicado ao literato»