Coñecedor da riqueza patrimonial que encerra a comarca, Víctor Barbeito asegura sentirse incapaz de decantarse por un complexo concreto: «Cada xacemento de Barbanza ten a súa peculiaridade». De aquel co que ten unha relación máis estreita, o de Neixón, destaca a singularidade, mentres que do máis mediático da zona, o de Baroña, fai referencia á monumentalidade.
Incluso lle custa elixir un xacemento de entre aqueles que considera os grandes esquecidos da comarca: «Hai tantos», aínda que finalmente comenta que se quedaría co castro da Cidade, en Ribeira. Sobre este e outros moitos conxuntos patrimoniais da zona, Barbeito comenta que o gran problema que padecen é a enorme dificultade existente para chegar a eles: «Os xacementos non teñen as condicións de conservación necesarias e, aínda por riba, é imposible acceder a eles».