Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Aspaber, un modelo para a política social da Xunta

CARBALLO

28 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Anxo Quintana viaxou onte a Carballo coa intención de ensinar o traballo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Pero o mestre converteuse en alumno, porque o portavoz nacional do BNG -a visita encadrouse nos actos da campaña electoral- tivo que recoñecer que o labor de Aspaber é un exemplo para calquera política social que se desenvolva.

O vicepresidente galego foi recibido no centro especial de emprego de A Brea polo grupo municipal do BNG en pleno, representantes de colectivos de toda a comarca que desenvolven a súa actividade no eido social, veciños que acudiron a título individual e os responsables de Aspaber. O presidente, Francisco Costa, e a directora, Dolores Fernández, fixeron de guías durante o percorrido inicial polos distintos talleres ocupacionais e polo resto das dependencias, nas que os 120 usuarios traballaban como calquera outro día, alleos ao despregue mediático que provocou a presenza de Quintana.

O obxectivo da visita era dar a coñecer ás entidades os aspectos máis salientables do Sistema Galego de Benestar, ao que foi posible chegar grazas «a todas as entidades do país que levan tantos anos traballando», e que o vicepresidente definiu como «unha rede pública de centros, servizos e programas».

Nestes momentos, explicou, están en marcha os primeiros 14 centros de día -o de Cabana está rematado-, aos que se sumarán outros 20 ao longo deste ano. É un recurso que se pretende potenciar porque, engadiu Quintana, «a xente maior non quere ir ás residencias». Nesa mesma liña situou o incremento da financiación para axuda no fogar, a posta en marcha dunha rede pública de 11 centros para enfermos de alzhéimer eo servizo de transporte adaptado, porque en Galicia, apuntou, «hai 35.000 núcleos de poboación, e é evidente que non se vai facer un centro en cada un». É tamén a comunidade autónoma na que máis persoas atenden a un familiar no seu domicilio, e «serán preto de 10.000 as que se van beneficiar dunha paga, a alta na Seguridade Social e dun apoio en formación».

En Galicia tramitáronse 42.000 solicitudes de valoración do grao de dependencia, das que 19.000 xa están feitas e 9.900 persoas están atendidas xa no marco do Servizo Galego de Benestar. «Quédanos un longo recorrido, que queremos facer de man das entidades», dixo Quintana. Nese sentido están previstos a posta en marcha do Centro Galego de Desenvolvemento Integral, que a Xunta pretende converter «nun referente europeo», e un plan de equipamentos que inclúe sete novos centro s para persoas con discapacidade: 4 xestionados directamente pola Xunta e 3 «en colaboración con entidades como Aspaber».

A planificación está feita. «A parte que nos falta para apoiar ese proceso é Madrid», e aí comezou o discurso estrictamente electoral. Quintana subliñou que o obxectivo é acadar o 10% dos 870 millóns que o Estado destina á dependencia, porque en Galicia hai máis de 90.000 dependentes en 35.000 núcleos de poboación, e facilitarlles os recursos «custa máis».