Hoxe poderá verse en Carballo un documental sobre a mítica banda de música. Mañá emitirase en Cee
13 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Falar de Los Satélites é falar da historia de Galicia. Os inicios da banda coruñesa remóntanse a 1939, cando un dos mellores saxofonistas do país, Manuel Otero, e un cantante chamado Jaime Camino decidiron alegrar con música a posguerra galega. O recrutamento de membros comezou entre os integrantes das bandas militares, que se estaban a disolver tras a Guerra Civil. A agrupación, que comezou co nome de Jaime Camino e os seus satélites, pronto cambiou polo apelativo actual.
Case 70 anos despois da súa formación, a orquestra segue a ser unha das máis famosas de Galicia e unha das poucas que segue a cumprir as normas impostas polo primeiro xefe satélite, Jaime Camino: Que os músicos fosen formais -prohibida a vida nocturna- e que sexan os mellores no eu instrumento.
Los Satélites son historia e por iso merecen ser recordados. Ese é, precisamente, o obxectivo do documental Os Satélites, unha orquestra de lenda , dirixido por Paco Lodeiro. A reportaxe poderá verse hoxe (20.00 horas) no Pazo da Cultura de Carballo, dentro do ciclo Cinemas Dixitais Documental, un proxecto da Axencia Audiovisual Galega para a creación dunha rede alternativa de exhibición e difusión das producións galegas menos comerciais.
Á estrea en Carballo asistirán o director do documental, ben coñecido pola súa faceta de actor, presentador e showman, ademais de ser vocalista do grupo musical La Sonora Callejera.
Na presentación e no coloquio posterior co público tamén estará Sito Sedes, que foi vocalista de Los Satélites entre 1970 e 1982 e tamén de Los Tamara tras a morte de Pucho Boedo.
O documental amosa a historia da orquestra a través dalgúns dos seus integrantes, desde a súa formación en 1939 ata a actualidade.
Testemuñas de antigos integrantes, fotografías antigas da formación e imaxes de arquivo ao longo de varias décadas son os principais valores deste traballo que remexe no imaxinario auditivo de moitas xeracións de galegos que tiñan as cancións de Los Satélites como banda sonora das súas vidas.
O documental tamén poderá verse mañá no salón de actos de Cee, a partir das 20.15 horas, dentro do programa cultural Sábados en Familia.
Tanto hoxe como mañá a entrada na proxección é gratuíta.