Moedas, cerámica, lascas e derribos seculares aparecen ao excavar o entorno da ermida do alto de Fisterra
23 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Do monte de San Guillerme, aló no alto do monte do Cabo de Fisterra, vaise coñecendo cada día un pouco máis. Cara abaixo. Porque do que se viu sempre xa se ten moito escrito. O novo chega agora, grazas ao traballo que, sufragado por Patrimonio, están levando a cabo, dende primeiros de mes, un equipo de doce persoas: catro arqueólogos, seis obreiros e dous restauradores. Ata o día 5 de setembro aínda lles queda moito que mirar, malia que son traballos cualificados cos que ter paciencia e maña. Non vale dar paladas de terra sen máis.
Aínda con esa lentitude, o entorno da mítica ermida xa parece outro. Tras os traballos e as catas do ano pasado, desta vez xa hai traballo arqueolóxico en profundidade, nun entorno de 300 metros cadrados, que é o autorizado. E xa van aparecendo cousas. Conta a arqueóloga Lorena Vidal Caeiro, da empresa adxudicataria, Zeta Arqueoloxía e Sistemas de Xestión Integral do Patrimonio, que o que máis está aparecendo, son diversos derrubes de muros, correspondentes a diversas épocas históricas. Pero o que máis chama a atención dos legos na materia son os obxectos que se van atopando, como por exemplo cinco moedas de entre os séculos XIII e XIV, de bronce e cobre, en bo estado, e pendentes de limpar e analizar. Tamén hai moita cerámica de entre o XI e o XIV, moi homoxénea. Ou lascas de sílex, que no período medieval solían empregarse para prender o lume ou como elementos cortantes.
En xeral, a estratigrafía é moi ampla e variada, de diversas etapas. O que non se sabe de momento é de cando é a ermida. Tanto pode pertencer ao XI como ao XVI ou polo medio. É unha das tarefas pendentes e máis interesantes, que se resolverá, probablemente, ao chegar ao baseamento das ruínas, pero iso será máis adiante.
Lorena, que xa traballou en Fisterra o ano pasado, volveu este tras gañar o concurso e espera seguir o ano que vén, asegura que está moi contenta por como van os traballos, ademais de polo lugar en si, unha das referencias clave dos camiños de peregrinacións de Galicia.
Cando o mes que vén acaben os traballos, o xacemento quedará aberto ao público. Un atractivo máis.