Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A asociación de veciños de Camelle critica o estado de abandono do museo de Man

La Voz

CARBALLO

09 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de veciños A Pergoliña de Camelle di estar «molesta» polo abandono que sofre o recinto do museo de Man.

A entidade pregúntase que pasa coa anunciada fundación. «Ao pobo de Camelle ninguén lle está a dar explicacións do que teñen pensado facer, e a realidade é que se está deteriorando cada vez máis, ata chegar a un punto que non haberá nada que conservar».

Os veciños sinalan que o principal atractivo turístico de Camelle, e polo que se coñece á localidade «en todo o mundo», é precisamente o museo de Man. «Por el pasan cada ano milleiros de turistas, que nos preguntan aos veciños como permitimos este abandono, do que nos sentimos avergoñados, pero do que non somos responsables».

A Pergoliña pide a todos os que teñan algo que ver niso que «tomen cartas no asunto e solucionen isto xa». E tamén fan un chamamento a todos os «intelectuais, artistas e políticos» que «acudiron en masa aos Encontros de Man» celebrados en Camelle, e propuxeran solucións para este tema, «que levanten a súa voz, e demostren o seu apoio para preservar o legado de Man, e a ver se entre todos lles facemos ver aos responsables a situación actual de abandono, e que isto non quede nun mero recordo».

Obras no peirao

Pola súa banda, a concelleira socialista do grupo de goberno municipal Mercedes Martín, que ademais é veciña de Camelle, sinalou onte que as obras non comezaron aínda porque «están con las obras del dique de abrigo, y mientras no acaben, no se puede hacer nada en el recinto de Man». Non hai datas, pero cre que iso pode ocorrer a principios do ano que vén. «Es algo que saben los vecinos», asegura.

A edila di que xa hai un proxecto, que inclúe dúas fases, e que vai haber cartos para acometelo. A figura da fundación será fundamental para a posta en marcha de todas as melloras. «La fundación ya está en sus últimos pasos, se aprobaron los estatutos, tenemos cuenta, licencia fiscal, dinero... El problema es que hay trámites muy lentos, como el de la licencia fiscal, que tardó cuatro meses en llegar, y sin algunos requisitos no se pueden realizar los otros».

Con todo, Martín cre que o mes que vén o procedemento debería estar listo, xa coa alta definitiva en Presidencia e a contratación do xerente. De feito, xa houbo entrevistas con candidatos.

Martín di que o seu goberno preocúpase pola conservación do legado, e pon como exemplo que no PXOM (que prevé aprobar antes de fin de ano) se lle dá protección ao entorno e aos percorridos vinculados ao anacoreta. E, no vindeiro mes de novembro, está previsto celebrar de novo o encontro de artistas.