Rosalía Fernández (20 anos) pertence a esas novas xeracións que non perden o tempo e dedican boa parte del ao mundo da arte. Estudante de Filoloxía Hispánica, acude á escola de teatro e practica a música. É, sobre todo, acordeonista. Onte fixo unha pequena actuación no colexio Bergantiños, xunto a unha compañeira, que foi máis aló da música.
-¿Que fixeron?
-Un conto musical. Unha narración que creamos nós, á que engadín voces, percusión e acordeón.
-¿Gustoulle a experiencia?
-Encantoume. Xa fixera algunha cousa, en Muxía, na Universidade. Pero nada así. Ilusionoume moito ver aos nenos tan atentos, absortos pola historia, que lle gustara tanto. E a min tamén.
-A ver se vai ser o inicio de algo máis profesional.
-Pois pode ser. Xa falamos algo de repetir experiencia, de preparar algo máis elaborado e non con tanto apuro. A ver.
-¿Que é o que máis lle gusta do acordeón?
-Do acordeón gústame todo: o que expresa, os matices, a potencia que se lle pode sacar. Para min, é un instrumento moi completo.
-Vostede será filóloga, pero a arte seica lle tira moito.
-Si que me gusta. Pero todo ten relación: tocar, interpretar, escribir, ensinar, transmitir. Penso que teñen bastante que ver todos estes conceptos.