O Bergantiños foi o campión da Copa Galicia no ano 1969

Xan Fraga Rodríguez

CARBALLO

Cúmprense catro décadas do éxito do equipo de fútbol de Carballo

03 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Lin na prensa hai pouco que se ía desputar a segunda edición da Copa Galicia, que finalmente gañou o Cerceda ao Xallas de Santa Comba. O ano pasado quedou campión o Celta de Vigo ao derrotar nos penalties ao Deportivo. Quedei algo sorprendido, pois cando era neno xa o Bergantiños en 1969 quedou campión da Copa Galicia e logo algo máis tarde, en 1985, volveu a gañar outra.

A de hai agora corenta anos foi un éxito extraordinario do conxunto carballés.

En cuartos de final, o Bergantiños xogou contra o Marín, que estaba reforzado por xogadores de primeira, do Pontevedra, como Antonio, Yosu e Barros. No partido de ida, 4 a 0 favorable ao Bergantiños, e no de volta gañou por un insuficiente 2 a 0 o Marín. Polo Bergantiños xogaron: Medal, Fariña, Gelucho, Periscal II; Facal, Moro; Paco, Diéguez, Periscal I, Valdés e Casal.

En semifinais, o Bergantiños eliminou ao Milagrosa de Lugo, e xogou a final a doble partido contra o Turista de Vigo, un rival moi tradicional do equipo carballés. No partido de ida celebrado no vello Pedras Brancas da Goubea Alta, o Bergantiños obtivo unha sensacional victoria, como escribiría na súa crónica Gregorio Castro, por 4 goles a cero. A alineación bergantiñán foi: Medal, Periscal II, Díaz, Fariña; Facal, Moro; Paz, Diéguez, Periscal I e Valdés.

Noutra ocasión falaremos dalgúns destes xogadores que triunfaron no fútbol profesional en Primeira División como foi caso de Valdés.

Aínda que no partido de volta perdeuse por seis goles a tres, o Bergantiños proclamouse brillante campión da Copa Galicia. Corenta anos despois, neste xuño de 2009 non estaría de máis que o Bergantiños realizase unha homenaxe a quen en xuño de 1969 brindou un dos títulos máis recordados do Bergan, que presidía o doutor Mariño, sendo os adestradores Quique Liñares e Miguel Lendoiro. Quen perde memoria, perde identidade.

Para Gregorio Castro, San Ramón, in memoriam