Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unidos por crer no galego

CARBALLO

09 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Aquí estamos, dando a cara. Somos xente que quere galego, que cremos no galego, na lingua e na cultura deste país». Con estas palabras encabezaba onte Artur Trillo a súa intervención na presentación comarcal da plataforma Queremos Galego. El é, dende hai uns días, o voceiro da entidade na Costa da Morte e Bergantiños, namentres que Silvana Castro será a coordinadora de dita iniciativa tamén nesta zona.

Ámbolos dous estiveron acompañados, na mesa de fala, por Xan Fernández, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns, así como por Farruco Fraga. Non obstante, non se atopaban sós, xa que ducias de persoas, ben en nome propio ou ben en representación de entidades, quixeron estar presentes. Entre eles, a propia edila de Cultura, Belén Lendoiro; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Guillín; o alcalde de Zas, Manuel Muíño. Xoán Sande ou Víctor Recarey, ademais doutros cargos públicos de varios concellos da comarca achegáronse tamén ata o Pazo de Cultura carballés.

Queremos Galego xira, segundo explicou Silvana, arredor de tres principios: que a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación deste pobo e que as institucións públicas teñen a responsabilidade de protexela e promocionala; que a normalización lingüística ha de ser progresiva e non regresiva e que os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por outros tamén asinados por todos.

A curto prazo, Castro sinalou dous obxectivos: acadar o maior apoio e a maior difusión posible entre as xentes da comarca e sumar tamén cidadáns a prol do galego na manifestación que se celebrará o vindeiro domingo 18 en Santiago de Compostela. Para os interesados en acudir haberá dous autobuses á súa disposición, que sairán dende A Laracha e dende a Praza de Carballo. Na páxina www.queremosgalego.org pódese obter máis información e tamén adherirse á iniciativa.

A longo prazo, apuntou a coordinadora, a pretensión pasa por materializar o desexo de todos estes apoios á lingua (para o cal se precisan o maior número de sinaturas posible) en iniciativa lexislativa popular. De momento, xa son moitos os que se anotaron: a título persoal, Modesto Fraga, Paco de Tano, Paco Souto, Rafa Villar, Suso Lista ou Xan Fernández Carrera, entre moitos outros, e, en canto a asociacións, entidades como Adega Costa da Morte, Quinta Feira, Cutareira, Lumieira ou BNG de Bergantiños, por poñer algún exemplo. Todos eles secundan as palabras de Trillo: «Estábamos andando e a realidade dinos agora que alguén nos quere parar. Contra iso movémonos e damos a cara. Somos moita xente, aínda que non se trata diso, senón de sentido común, e este está do noso lado». Tanto el coma Castro desexaron ánimo para traballar e para agardar polos «froitos que desexamos para a lingua galega».