A asociación micolóxica-naturalista da Costa da Morte Pan de Raposo celebrará a vindeira fin de semana en Cee a novena edición das súas tradicionais xornadas micolóxicas, nas que non faltarán as visitas guiadas, degustacións gastronómicas e unha exposición con máis de 200 especies diferentes. Haberá tamén charlas, das que se encargará, entre outros, o vicepresidente da entidade, José María Traba Velay (46 anos). -¿Como entrou no mundo da micoloxía? -Como todo o mundo, buscando níscalos, que era o máis doado. Diso hai xa trinta anos. E a min pasoume como a moita xente, que empecei a buscar setas para cociñalas e o final engancheime á micoloxía moito máis alá da gastronomía. Agora non collo para comer, senón para catalogar. -¿E a Costa da Morte un bo lugar para os afeccionados á micoloxía? -A comarca non ten grandes bosques de frondosas, pero hai algunhas zonas boas, como as praias e zonas de dunas, que son moi interesantes micolóxicamente. Tamén hai lugares de interior en Baio e Vimianzo que están moi ben e tamén pequenas carballeiras que pagan a pena. -¿Cantas especies pode haber na comarca? -Na asociación temos catalogadas máis de 1.350 especies en toda Galicia, das que unhas 500 hainas na Costa da Morte. -¿Cales son as máis comúns? -Os níscalos, os boletus, cantarelos, macrolepiotas, champiñóns... As máis comúns e as que máis se buscan, porque son, ademais, comestibles. -¿Algunha especial que non se atope noutros lugares? -As que se dan nas dunas son moi interesantes. -¿Que sinte cando atopa unha nova especie que non vira nunca? -Cando buscas algo que estás canso de ver nos libros e o vés en directo sentes unha gran alegría. De feito, facemos moitos quilómetros para ver especies que non viches nunca. Iso tamén serve para coñecer lugares marabillosos, que, por desgraza, cada vez hai menos.