Dous colexios carballeses, o de A Gándara-Sofán e o CEIP Bergantiños, foron premiados na convocatoria de proxectos de innovación en normalización lingüística realizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Trátase dunha iniciativa que busca fomentar o uso do galego oral, tanto dentro coma fora das aulas, así como o coñecemento da realidade sociocultural de Galicia. Nesa dirección tiñan que ir os proxectos.
A esta convocatoria presentáronse 68 traballos, bastantes máis que en pasadas edicións, dos que resultaron gañadores sete, incluíndo aos dous carballeses. Tamén houbo catro accésits, valorados cada un deles en 1.000 euros. Cada premio, por outra banda, ascende a 3.000 euros e tamén haberá unha xornada de análise para o profesorado. Para a capital de Bergantiños, por tanto, veñen 6.000. O proxecto de A Gándara-Sofán levaba por título Mergullados nos mares da palabra e, o do CEIP Bergantiños, Casas de aquí e de acolá. Tal e como explica a coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística deste último, María Begoña Codesal Patiño, o proxecto deberá desenvolverse, agora, ao longo do curso 2009/2010.
Casas de aquí e de acolá nace coa intención de crear unha conciencia crítica e responsable nos máis novos, proporcionándolle recursos para coñecer o entorno cotiá, conservalo e tamén melloralo. É un modo de coñecer a evolución da vivenda ao longo dos séculos e de observar cara onde van as novas tendencias. Os materiais producidos poderán verse nas páxinas www.xunta.es/linguagalega e www.edu.xunta.es/portal.