Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Outono chuvioso

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

16 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Neste outono temos de todo: choiva, tronos, lóstregos, aire, vento e ata un tornado. Si, un tornado, e esperemos que non tornoe. Entrou na fábrica de conservas de Carballo sen permiso do vixiante e fixo moitos estragos materiais. Menos mal que o xefe das inclemencias meteorolóxicas non lles dá os fins de semana libres (cousa que están reivindicando) e tivo o tornado que traballar de domingo, que se non...

Nunca choveu que non escampara...¡ata este outono! ¡Que maneira de chover! ¿Será porque eu canto mentres me ducho? ¡Non é que cante moito! ¿Serán polo cambio climático estas estremeces ou será pola crise?

Como a crise é global, creo que fixeron un ERE (expediente de regulación de emprego) no ceo, e quedaron sen traballo Lorenzo e Catalina. Agora traballan de cando en vez na economía sumerxida. Traballan pouco. Teñen medo a que os pillen. A ver se, agora que veñen as Navidades, lles fan un contrato de longa duración, pois precisamos andar para descolesteralizarnos dos poucos excesos, que cada vez son menos. Andar, tamén se anda chovendo, pero non é o mesmo. Móllaste, empápaste e encharcas os pés. Aínda que eu merquei uns zapatos de gore-tex nun centro comercial, cuxo nome non nomearei, pero que ten apelido Inglés.