Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Muxía é unha síntese da etnografía pagá e cristiá»

CARBALLO

Participará mañá nas xornadas «Muxía no Camiño de Santiago» que se celebrarán esta fin de semana

15 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En pleno ano Xacobeo, o Concello de Muxía e a Asociación de Turismo Rural Muxía Natural prepararon unhas xornadas baixo o nome de Muxía no Camiño de Santiago. Botarán a andar mañá mesmo (10.15 horas, no albergue de peregrinos de Muxía) e rematarán o domingo. Haberá mesas redondas, debates, un concerto e, incluso, unha marcha dende Vaosilveiro ata o santuario da Virxe da Barca. Un dos que intervirá mañá é Antón Castro, ex subdirector xeral de Patrimonio, profesor, historiador e crítico de arte nacido en Muxía. O papel desta localidade no Camiño xa foi abordada por el nunha das súas obras: Muxía, finisterre da ruta xacobea e santuario de culto ás pedras. -¿Cal será a súa particular aportación á mesa redonda destas xornadas? -Basicamente, falarei do fin do Camiño que chega ata Muxía e da Ruta Xacobea nos chamados camiños menores. Ademais diso, tratarei de establecer unha relación entre todo iso e o tremendo proceso etnográfico asociado a esta localidade. -¿Cal é a situación actual dese papel de Muxía? ¿Chegou a perder valor? -En realidade, todo o Camiño de Santiago tivo unha perda de influencia logo da conquista de Sevilla. Naquel momento, Galicia perde importancia e non sería ata os séculos XVII e XVIII, no Barroco, cando aquí se fixo unha grande inversión económica para buscar unha recuperación. Foi algo que afectou a toda Galicia e Muxía non foi unha excepción. Neses séculos houbo un reforzamento de Muxía como punto de fixación. De feito, precisamente, o actual santuario data do 1719. -¿Cal é, entón, a singularidade que aporta Muxía? -É un modelo de simbiose perfecto, unha síntese entre a etnografía pagá e a cristiá. Nese sentido, temos no santuario da Barca unha combinación impresionante das herdanzas pagás e cristiás. Muxía é un modelo ideal, científico, para reflectir o que é un proceso de cristianización tardío. -¿Por que a teima de discernir ou decidir se o Camiño pode rematar en Muxía ou en Fisterra? -É un debate que eu dou por rematado cando aclaro que, para os antigos e romanos, finisterre, aquel lugar no que remataba o Camiño, non era só Fisterra. É un erro confundir o Fisterra pobo co que para os antigos era finisterre: toda a zona, de aí que uns fosen primeiro por Fisterra e logo viñesen ata Muxía e outros chegasen primeiro a Muxía e logo foran a Fisterra. É algo indistinto, coma cando un se atopa nunha encrucillada e ten que decidir se segue pola dereita ou pola esquerda cando ambas cousas son o mesmo: tirar para un lado ou para o outro é aleatorio. Non hai nada maquiavélico nese sentido. Nese sentido, hai que ligar Muxía e Fisterra nese terreo, porque finisterre é tamén Muxía.