Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha polémica estéril

Víctor M. Castiñeira

CARBALLO

O camiño xacobeo non remata nin en Fisterra nin en Muxía, xa que o punto final non é outro que Santiago de Compostela

22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Estes días estamos asistindo a unha polémica entre fisterráns e muxiáns que empezou ca reivindicación duns e outros das súas respectivas vilas como fin do camiño xacobeo, e que agora vai máis alá e xa inclúe o feito de quén debe aparecer nos mapas do tempo da televisión pública española. A situación chegou a tal punto que ata se crearon plataformas en Internet para defender o que cada grupo entende como os seus lexítimos intereses. Polo medio, a clase política, con declaracións de todo tipo, non está a contribuír moito a arranxar a situación, que desde o punto de vista de alguén de fóra da comarca debe ser cualificada como pouco menos que esperpéntica.

Como historiador e investigador da realidade histórica da comarca fisterrá na época moderna (séculos XV-XIX), non podo deixar de comentar unha serie de cuestións que poden axudar a clarificar un pouco o tema das peregrinacións a Fisterra e Muxía.

En primeiro lugar, e con isto, no esencial, xa quedaría resolta a disputa, o camiño xacobeo non remata nin en Fisterra nin en Muxía, xa que todos deberíamos ter claro que o punto final da ruta xacobea non é outro que Santiago de Compostela.

Agora ben, a relación entre Santiago e as terras fisterráns está fóra de calquera dúbida desde tempos moi remotos, incluso anteriores ó descubrimento da tumba do Apóstolo. Será no século XI e, definitivamente no XII, coa versión definitiva da translatio no Códice Calixtino III, cando estas terras pasan a relacionarse coas rúas de peregrinación. Ben coñecido é o episodio acontecido en Duio (Dugium) durante o traslado do corpo do apóstolo Santiago, mentres que no caso concreto de Muxía aproveitarase o ancestral culto ás pedras para cristianizar os cultos pagáns asentados na zona. Será en Muxía onde, segundo a lenda, a virxe María se lle apareza nunha barca de pedra ó apóstolo Santiago para animalo na súa tarefa evanxelizadora.

É moi posible que o próximo mosteiro de Moraime, lembremos que Muxía deriva de monxía, ou, o que é o mesmo, terra de monxes, tivera algo que ver na difusión da lenda, seguindo para elo as directrices de diferentes bispos que unha e outra vez incidían na necesidade de cristianizar os cultos pagáns, nalgúns casos como o das terras fisterráns, moi arraigados entre a súa poboación.

En segundo lugar, o Camiño a Fisterra e/ou Muxía é o único que ten a característica de ser unha prolongación do propio Camiño de Santiago. As orixes desta prolongación están nos anos finais da Idade Media, xa polo tanto co Camiño francés moi asentado, e débese en boa medida ó interese do arcebispo de Santiago en promocionar, cando ten lugar o crecemento do comercio marítimo, ás súas vilas na costa (Fisterra e Muxía por dominio directo e Cee, de forma indirecta a través do arcediago de Trastámara) fronte a vila de Corcubión, en posesión do Conde de Altamira, inimigo declarado da curia compostelán.

Referencias literarias

En terceiro lugar, a prolongación do Camiño de Santiago ata estas terras conta cun número considerable de referencias nos relatos de antigos viaxeiros e peregrinos. A lista é longa.

Entrado o s. XVI, o veneciano Bartolomeu Fontana (1539) visita Muxía e Fisterra, aínda que seguindo un camiño distinto, desde A Coruña, seguramente seguindo a rota que facían moitos penitentes centroeuropeos que chegaban a Galicia por mar. Lembrar que desde o século XIV os tribunais flamencos impoñían como pena de certos delitos a peregrinación como penitentes ós santuarios de Compostela, San Guillerme (Fisterra) e a Barca (Muxía).

Erich Lassota de Steblovo (1580), mercenario do exército de Felipe II deixou no seu relato o itinerario percorrido entre Muxía e Fisterra. Christoph Gunzinger (1654), chega a Fisterra despois de pasar por Ponte Maceira, Ponte Olveira, Nosa Señora das Neves, Cee e Corcubión. De Fisterra irá a Muxía onde destaca, como non, as pedras da Barca. Doménico Laffi, o erudito clérigo boloñés catro veces peregrino, en 1673 achegouse tamén a Fisterra, onde menciona a igrexa de Santa María e o fanal con lume para orienta-los navegantes. O seu compatriota, o franciscano Bonafede Vanti (1717), foi a Fisterra e Muxía, copiando no santuario mariano unha relación dos milagres da Nosa Señora da Barca. No ano seguinte, Giacomo Antonio Naia chega primeiro a Muxía, para logo viaxar a Fisterra, tendo que ser transportado coa axuda doutras persoas ata en tres ocasións para superar os vados dos ríos entre Muxía e Fisterra.

En cuarto lugar, o debate de que vila ou lugar debe saír nos mapas do tempo debería quedar como algo simplemente anecdótico. Nos días pasados de temporal, en diferentes cadeas de televisión fíxose referencia a que o vento acadou cento e pico de quilómetros por hora en Vimianzo ou cando a televisión autonómica da datos de choiva soe facer mención a Santa Comba. ¿Qué sucede? ¿Non chove e sopra o vento con máis intensidade noutros puntos da Costa da Morte? A falta de estacións meteorolóxicas na nosa zona ou o deficiente estado das mesmas si que debería ser obxecto de reclamación, xa que este feito impídenos ter unhas predicións máis fiables e axeitadas.