Unha achega máis para a nova biblioteca de Carballo

CARBALLO

Xan Fraga doa ao Concello un exemplar de 1899 dos «Ensayos poéticos» de Pérez Ardá que prologou Brañas

03 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, o carballés máis universal, morreu o 21 de febreiro de 1900. Está ao caer, por tanto, o seu 110 cabodano. Uns meses antes do seu pasamento, o autor de El Regionalismo fixo a súa última achega literaria: o prólogo do libro Ensayos poéticos , do seu amigo Enrique Pérez Ardá. Corría o mes de novembro de 1899, e Brañas aínda non cumprira os corenta anos.

Agora que se achega unha nova data para lembrar ao fillo predilecto de Carballo, o historiador local Xan Fraga Rodríguez, moi implicado na recuperación e a difusión da vida e a obra de Alfredo Brañas, vén de doar ao Concello de Carballo un exemplar daqueles Ensayos poéticos editado no mesmo 1899. Onte pasou polo rexistro do Concello e axuntou o libro, vello, pero moi ben conservado, a unha carta.

No edificio consistorial coincidiu co alcalde, Evencio Ferrero, que quixo amosarlle o agradecemento de todo o pobo carballés. «Xan -manifestou o rexedor- sempre ten esa sensibilidade e esa preocupación por facer de Carballo un lugar de referencia».

Non é a primeira vez, de feito, que o historiador fai unha achega destas características ao Concello. Fai catro anos cedeulle o seu amplo arquivo fotográfico, integrado por máis de 2.000 imaxes de toda a Costa da Morte, coa única condición de que estea «ao servizo de todo o mundo e se lle dea un carácter divulgativo». Xan Fraga considera que Carballo debe ser a sede dunha fototeca de ámbito comarcal, integrada nun complexo cultural de referencia do que tamén formarían parte o Museo de Bergantiños, o propio arquivo e a biblioteca municipais.

Xa fai catro anos que o historiador puxo sobre a mesa a necesidade dunha sala de lectura máis ampla. De feito, no edificio actual, inaugurado en 1998, apílanse máis de 25.000 libros -a súa capacidade estaba fixada en 20.000- e hai outros moitos miles gardados en caixas porque non hai oco para eles nas baldas.

Os Ensayos poéticos prologados por Alfredo Brañas terán, polo tanto, que agardar á construción da nova biblioteca comarcal, que será financiada polo Ministerio de Cultura, dentro dos orzamentos deste ano, cunha achega de 1,5 millóns de euros. O alcalde coincide nesa necesidade con Xan Fraga. Os dous consideran «que a biblioteca e o arquivo deben estar dotados como corresponde a un concello capital de comarca como é Carballo».