O instituto Isidro Parga Pondal de Carballo comezou onte cos últimos preparativos da súa Semana da Saúde, que comezará o vindeiro luns. Tamén onte houbo unha charla para os rapaces de bacharelato, como preludio de outras moitas actividades. Na conferencia abordouse a doazón de órganos e de ofrecela encargouse Antón Fernández García, coordinador de transplantes do CHUAC. Non é para el, nin moito menos, a primeira vez que visita este centro nin os restantes de Carballo. Valora ademais moi positivamente a iniciativa do Parga Pondal. O ano pasado, tamén se falou de darwinismo, pero desta volta o tema foi exclusivo.
-¿Que é o que lles inqueda aos rapaces sobre a doazón de órganos?
-Interésanse moito polo tema. Fixeron moitas preguntas, dende cuestións técnicas como canto tempo ha de pasar dende que se quita un órgano dun corpo e se pon noutro ou, tamén, cuestións de lei, como por que hai que manter o anonimato do doador de órganos. -Xunto coas familias directamente afectadas, os rapaces poden ser un dos mellores destinatarios de todos eses conceptos tan importantes. -Eu penso que están nunha idade moi boa para iso, entre os 14 e os 18 anos. É unha idade na que un empeza a ter ideas e a poder tomar decisións. Polo tanto, nós o que facemos é tratar de darlle a maior información posible, para que eles tomen a mellor decisión. Está claro que os rapaces son para nós un público diana moi importante, moito máis que, ao mellor, aquela xente que xa ten unha opinión formada ou unha decisión tomada. Tamén é certo que se require entender certos conceptos técnicos e científicos, que ao mellor non son tan doados de interpretar se xa se ten unha certa idade. -A concienciación aumentou moito sobre este tema, pero tamén é certo que segue habendo tabús sobre a doazón de órganos. -Si, é certo, sobre todo naquela xente que ten máis anos. Por riba dos sesenta, por exemplo, xa é frecuente que lles resulte máis complicado entender a doazón de órganos e mesmo aceptala. Pero iso non implica que non intentemos difundir toda esta información entre eles tamén, aínda que está claro que, de todo ese traballo de divulgación que facemos, sempre imos conseguir maiores resultados coa xente máis nova ou cos estudantes, por exemplo. -Os medos incrementaranse cando se fala de doazón en vida. -En certo modo, quizais sexa algo máis doado de entender: que unha persoa poida desprenderse dun órgano, seguir tendo a mesma saúde e, por outra banda, mellorar ao mesmo tempo o nivel de vida de algún membro da familia ou algún coñecido, por exemplo, é algo que a xente acepta moi ben. Parece que ninguén se pode opoñer a iso. O da doazón unha vez que a persoa morre xa é máis complicado ou ten outras compoñentes: que non se saiba a vontade do falecido ou a propia manipulación do cadáver. -¿Vai mudando a disposición, aínda así? -Claro que si, e aínda o fará máis co paso dos anos e a medida que vaian cambiando as xeracións. Xa moita xente non ten aquela 'cultura' que había hai uns anos e, dende logo, hai moita máis concienciada. Eu, polo menos, son moi optimista nese sentido. -¿Como están agora as listas de espera do CHUAC? -Mantéñense estables, aínda que si conseguimos baixar un pouquiño a lista de espera para os transplantes de ril. As do restos de órganos dependen de algunhas variables a maiores e varía en función dos meses: igual nun descenden un pouco, pero logo noutro aumenta. Aínda así, o fundamental, máis que a cantidade de xente que hai en lista, o importante é reducir a mortaldade durante a espera. E creo que nós o estamos conseguindo. Baixou nun 10% e iso é moi positivo.