Unha empresa de Fisterra leva aos turistas a dar un paseo polo Cabo, incluída a hora da posta de sol
30 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O ano pasado eran dúas as empresas que facían as viaxes na mesma zona, pero o barco da que operaba dende O Pindo afundiuse no porto, foi reflotado, e finalmente optouse polo desguace. Así que agora queda Cruceros Fisterra (www.crucerosfisterra.com), que, como o seu nome indica, ten a base na vila do Cristo.
Durante a Semana Santa, e se o tempo non pon trabas, as persoas que o desexen poder darse unha volta polo Cabo de Fisterra e os seus arredores a bordo do María Elena , unha golondrina de 18 metros de eslora, catro e medio de manga, dous motores de 150 cabalos e autorización para transportar a 73 persoas. Ademais de todo o que se ve dende a cuberta, unha parte do chan permite observar o fondo do mar.
O María Elena fará viaxes dende o xoves ata o domingo desta semana. Pola mañá, ás 12.30, e pola tarde, ás 16.30 e, posiblemente, tamén ás 17.30, pero depende de como estea o día ou da demanda. A última viaxe comezará sobre as 18.30 horas, e polo visto en anos anteriores, vai ser a máis demandada, xa que permite facer un recorrido amplo pola baía (Sardiñeiro, Estorde, as praias) e remata ao outro lado do Cabo, ollando a posta de sol. Dura algo máis de hora e media, moi superior ás outras, que a penas chegan a unha hora.
O patrón do María Elena é Pedro Oliver Moure. Está afeito ao mar dende neno, e coñece ben as voltas de Fisterra, pero sempre hai lugar para as sorpresas, como cando, fai uns meses, en agosto, apareceu no medio da baía un submarino de guerra e un buque de asalto de Alxeria. No resto do ano, o único que sorprenden son as ondas e, con frecuencia, as manadas de golfiños (como as que se puideron ver o pasado domingo en Caión).
A viaxe custa 12 euros (15 para a posta de sol, incluíndo uns aperitivos). Os nenos menores de ata cinco anos non pagan, e ata os 12 deben abonar seis euros. Para grupos ou alugueres teñen tarifas especiais.
Máis para adiante, tras a Semana Santa, comezarán as excursións ás illas Lobeira polas mañás, pero nunha hora sen determinar aínda (máis información no 608 198 095). Un destino que xa intentara explotar a asociación Neria fai anos, precisamente cun barco de Fisterra.
Por outra banda, en Malpica, nos últimos anos, tamén houbo viaxes organizadas dende o peirao ata as Sisargas.