Escolares dos colexios Fogar e Isidro Parga Pondal de Carballo viaxarán hoxe ata A Coruña para participar na tradicional Correlingua, unha carreira lúdico-educativa creada para a defensa da lingua galega e organizada polos equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares. A comitiva carballesa unirase aos máis de 5.000 rapaces que encherán as rúas da capital da provincia. A carreira comezará arredor das once da mañá na zona de Riazor e rematará 45 minutos máis tarde na torre de Hércules, onde os nenos gozarán dunha gran festa na que tamén haberá tempo para o teatro, da man da compañía Chévere.
As actividades da Semana do Libro e da Lectura do Concello de Carballo continuarán pola tarde do Pazo da Cultura. Será a partir das seis, hora na que comezará unha nova sesión dos obradoiros para profesores que se veñen desenvolvendo toda a semana. Hoxe toca o de teatro e expresión corporal, do que se encargará a actriz Nekane Fernández, que tentará de amosar aos docentes a importancia dos sentimentos, a intuición e a creatividade. Os talleres rematarán mañá co de literatura, impartido polo escritor Santiago Jaureguizar.