«Para a semana da Xunqueira estamos pensado en pedir apoios aos compañeiros doutros sitios»
CARBALLO
O Xefe da Policía Local de Cee, Ramón Caamaño García, está a punto de cumprir 30 anos no corpo dende que empezou con 18 «nada máis saír do instituto». Aínda así, poucas veces tivo tantos problemas para organizar os turnos coma nesta tempada de verán.
-¿Van facer algunha incorporación de reforzo?
-Normalmente sempre se contrataban un ou dous auxiliares de reforzo pero o ano pasado xa non os tivemos e este, tampouco. Ademais fáltanos unha compañeira que leva un mes de baixa e probablemente non veña en todo o verán. Entre iso e que en xuño, xullo, agosto e setembro hai dúas persoas de vacacións cada mes a cousa vai andar xusta, porque somos oito en total, catro por turno.
-¿Increméntase moito o traballo neste tempo?
-Sobre todo as praias son as que dan máis traballo porque aumenta moito a cantidade de xente que vén a Cee. O mes de agosto é o peor. Ademais temos as festas e iso sempre supón máis choio. Para a semana da Xunqueira estamos pensando en pedir apoios aos compañeiros doutros sitios como Muxía ou Camariñas. É o que facemos normalmente. Nós cando podemos tamén lle botamos unha man a eles.
-¿Cales son os principais retos de seguridade que ten agora mesmo Cee?
-Temos botellón preto do mercado que ao primeiro canalizamos cara alí para evitar os puntos dispersos que había en outros sitios, pero agora, sobre todo nesta época que vai moita máis xente empézase a converter nun problema, porque antes era unha zona valeira, pero agora está habitada todo na volta e a música dos coches e demais molesta. Tamén faltan estacionamentos sobre todo preto do hospital e do Concello porque todo o mundo quere aparcar na porta.