Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Poder vivir das afeccións que un ten é un auténtico luxo que eu teño»

E. Millares CEE/LA VOZ.

CARBALLO

14 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Rubén Prieto Tomé (Cee, 1985) é un home de moitos recursos. Desde hai pouco máis dun ano dedícase a pintar murais, débeo facer ben porque son moitos os que o chamaron con ese fin na comarca e fora dela. Onte dáballe os últimos retoques ao que decorará a entrada -o do interior xa o fixo- da florería Flor de Oro, que abrirá as súas portas ao público mañá. Pinta, pero fai máis cousas. Tamén é actor e mañá subirá con Talía ao escenario para interpretar Volpone .

-¿De onde lle vén a vea da pintura?

-Empecei un pouco por casualidade. Eu xa debuxaba e facía carbonciño, pero considerábame negado para isto da pintura. Pero un día un amigo que estaba a pintar un mural e non tiña tempo para rematalo, chamoume. Aí empecei e de aí saíron despois outros.

-¿Cantos leva feitos?

-Pois xa van uns dez, o primeiro o de talleres Torrente, en Cee, pero tamén en Sanxenxo, en Madrid, en casas particulares e en muros. E teño un proxecto pendente para o Concello de A Coruña. Todos isto nun ano.

-E ademais da pintura tamén se dedica ao teatro.

-Estiven na escola de teatro de Artur Trillo, en Cee, desde os nove anos. Sempre me gustou. Hai un tempo preguntoume se quería traballar no seu seguinte proxecto e dixen que encantado da vida. Poder vivir das afeccións é un auténtico luxo que eu teño e co que vou tirando.

-Pero é que ademais tamén é mestre de surf.

-Eu estudaba para mestre e mira.

-¿Onde dá clases?

-Durante o verán na praia de Nemiña. Hai moita xente, a maioría deles son estranxeiros.

-E de paso practica vostede surf. ¿Nalgún outro lugar da Costa da Morte?

-Nemiña gústame, pero a miña praia favorita é O Rostro, é a que ten as ondas máis grandes. Case sempre vou só, sobre todo en inverno. E non é unha praia das fáciles.