A fisterrá María Marcote é xa, con 109 anos, a muller de máis idade de Galicia
CARBALLO
O 30 de outubro, dous días despois do aniversario da veciña da Costa da Morte, faleceu en Celanova Rosa Martínez, que o pasado mes de maio cumplira os 110
05 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O pasado 28 de outubro a fisterrá María Marcote Boullosa cumpriu 109 anos e convertíase así na segunda muller de máis idade de Galicia e tamén nunha das máis lonxevas de toda España -a nivel estatal hai varias estatísticas ao respecto e non todas coinciden-. Pero só dous días despois de recibir as felicitacións dos seus veciños e familiares, María pasaba a converterse na número un do listado de supercentenarias galegas. A fisterrana convertíase na máis veterana de Galicia trala morte de Rosa Martínez Casais, unha veciña da localidade ourensá de Celanova que no mes de maio cumprira os 110.
Segundo confirmaron onte dende o Concello de Celavona, Rosa Martínez, que naceu o 3 de maio de 1900 na aldea de Olás (A Merca, Ourense), faleceu o pasado sábado debido a unha pneumonía. «Ata uns días antes ela atopábase máis ou menos ben, pero arrastraba un catarro que se lle complicou», explicaba un funcionario municipal, quen engadía que o enterro fora multitudinario. «Era moi querida», dixo.
De feito, a vitalidade de Rosa Martínez sempre foi moi comentada. Xa que a pesares de ter sobrepasado o século de vida, aínda era capaz de facer moitas cousas sen a axuda dos seus. Lía sen gafas, ía ao baño soa e incluso, a pesar de ter perdido bastante oído, sentíase capaz de contestar ao teléfono. Rosa, que era filla dun médico e estudou para mestra (presumía de que o seu título estaba firmado por Alfonso XIII) viviu moitos anos en Madrid, onde o seu marido era director dunha sucursal do Banco Pastor, pero hai dez anos volveu a Celanova, onde vivía coa súa filla maior, que xa cumpriu os 80 anos.
Como a súa predecesora, María, recén convertida na galega de máis idade tamén goza de boa saúde, aínda que sofre os achaques lóxicos de quen xa viviu máis dun século. Conserva a memoria e é consciente dos seus 109 anos -«di que ten cento e máis nove», explicaba hai uns días un dos seus fillos-.?De seguir así a fisterrá podería converterse nunha das mulleres con máis anos ás costas de todo o mundo.
O récord, a día de hoxe, osténtao a norteamericana Eunice Sanborn, que naceu o 20 de xullo de 1896, xa que onte mesmo morreu a francesa Eugénie Blanchard, nacida o 16 de frebeiro dese mesmo ano. Tiña por tanto 114 anos. Unha morea de días.