A localidade acolleu a entrega dos premios da Bienal do Eixo Atlántico
04 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Creadores de Galicia e do Norte Portugal e autoridades de ámbolos dous lados da raia déronse onte cita en Carballo para, a través da cultura, estreitar e fortalecer os lazos que unen a estas dúas rexións. A entrega de premios da novena edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico trouxo á capital bergantiñá unha interesante colección de obras, que, unha vez remate a súa estadía no Pazo da Cultura -o día 28 deste mes-, iniciará un longo percorrido que a levará por boa parte Galicia e do Norte do Portugal ata finais do 2011.
A pontevedresa Monserrat Frieiro Dantas recolleu de mans de Manuel Martínez Bestilleiro, responsable da Novacaixagalicia para as bisbarras de A Coruña e Bergantiños, o primeiro premio da bienal, pola obra Camiño. O segundo premio á mellor obra portuguesa foi para Miguel Vasconcellos, que recibiu o galardón de Iolanda Otero, sudirectora xeral de Xuventude, e o da mellor obra galega, para Joseba Muguruzábal Pérez, que non puido estar onte en Carballo, polo que se encargou de recollelo Raquel Iglesias Gándara, gañadora tamén do primeiro premio aos novos talentos luso-galaicos. Víctor Díaz, director do Instituto Portugués da Juventude e María Giraldez, da Fundacao da Juventude, entregaron estes dous últimos galardóns no transcurso dun acto que congregou a numeroso público e algúns recoñecidos artistas locais, coma Manuel Facal.
Fortalecer lazos
«Realmente, como se constrúe o futuro é con actos como este. É imposible crear unha eurorrexión sen a cultura, o deporte ou os movementos sociais», destacou o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, tras destacar que as nove edicións que suma xa a bienal son a mellor mostra de que «traballando todos xuntos, man con man, pódense acadar os obxectivos». Vázquez Mao sinalou ademais que algúns dos creadores premiados nas convocatorias precedentes son hoxe en día creadores recoñecidos e citou o caso do propio presidente do xurado desta edición, Xosé Luís Otero.
Tamén tivo palabras de agarimo para Carballo e mostrou o seu desexo de que convocatorias coma a de este ano teñan continuidade no futuro.
O alcalde carballés, Evencio Ferreiro, recolleu o testemuño reafirmando o compromiso da localidade coa entidade supraestatal. «Queremos estar no Eixo, non só figurar, escoitar e que se nos escoite», afirmou tras facer dous símiles entre a forza dos carballos e a creatividade e a savia destas árbores e o eixo como elemento vertebrador de Galicia e o Norte de Portugal.