As carreiras de Che da Palleira

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

30 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Non sei nin por que, nin por que non, ás veces que teño sentido falar de Che da Palleira, que sempre acababa correndo. Cando quixo facer de toureiro nunha finca cerrada, toureando un becerro, dicíalle ao toro: «Je, je, je, toro, torito», e o becerro nin caso, acercóuselle un pouco máis. «Je, je, je, toro, torito», repetía el e o touro púxose a correr cara Che, e Che cara o outro lado, para saltar o balado rapidamente. Este episodio vino nun vídeo da cámara de fotos de Toni de Xaviña. E o becerro non corría detrás de Che da Palleira, corría diante dun can palleirán.

Outra carreira de Che foi cando el e seus cuñados, quixeron matar un xabaril. Metéronlle unhas cabazas, polas que van tolos os porcos bravos, dentro dunha caseta. O xabaril entrou, pero saíu despois de comer as cabazas, polo medio das pernas de Che, que lle estaba a cerrar o paso. Empezaron a correr detrás del, pero non o daban collido, así que Che da Palleira agarrou un anaco de uralita, que por alí andaba, e cando pasou o xabaril polo seu carón doulle en todo o fociño. O animal púxose a sangrar, pero seguiu a correr. Dúas horas estiveron correndo para coller ao bicho, ata que o xabaril xa non puido máis. Sentouse e dixo: «Matádeme dunha vez».

Fun invitado á cea do xabaril ao forno, e cal foi a nosa sorpresa cando vimos o fociño do porco todo roto, do uralitazo.

E por último: Che tiña unhas cabras e un castrón, unha delas estaba en celo, e Che mandoulle ao castrón. Como a cabra tira ao monte, pois iso, a cabra miraba para o monte, que estaba detrás da finca de Che, e o castrón colleuna por atrás. Así que o macho acabou, baixouse e púxose a correr cara a Che, mirou para atrás e a cabra estaba quieta cara o monte. Todos sabedes que a cabra cando queda satisfeita corre de ledicia. E o castrón, medio mosca, volveu a subirlle á cabra. Así que acabou, púxose a correr e xirou a cabeza, pero aquela cabra seguía sen moverse. Volveu ao ataque e nada, a cabra nada. O castrón xa non podía máis, e arrastrándose, subiulle outra vez á cabra. Pero a cabra nin se inmutou, o castrón, cabreado, foise cara a Che, como dicíndolle: «¡Síntoo moito, pero esta cabra non hai maneira de acontentala!» E Che, todo estrañado, foi a xunto da cabra e viu que esta tiña os cornos enganchados no arame do peche.

Non queira Deus que Che da Palleira saiba que conto estes contos, porque daquela si que corre detrás miña.