Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«O Encontro de Palilleiras é tamén un bo reclamo turístico»

cristina abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O vindeiro sábado acudirán 600 encaixeiras de toda Galicia e numerosos puntos de España

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Camariñas prepara o vindeiro sábado, día 10, a cuarta Festa da Palilleira, que se celebrará o vindeiro sábado no polideportivo. Sandra Insua (35 anos), concelleira delegada de Encaixe, Turismo e Comunicación, está perfilando, xunto cos técnicos da Mostra, una edición na que se van bater récords de asistencia.

-¿Cales son as novidades?

-A principal é o cambio de data, é a primeira vez que a levamos ao outono. O cambio obedece a varias razóns. Inflúe moito que sexa na ponte da Constitución, porque así poderá vir máis xente aproveitando os días libres. É un acto no que as encaixeiras comparten experiencias, pero o Encontro de Palilleiras tamén é un bo reclamo turístico, de atraer xente ao pobo. De feito, na organización colaboran, ademais das dúas entidades de artesás, Rendas e Palillada, a asociación de empresarios. E tamén será unha cita para amosar que Camariñas é a capital do encaixe e reunirá tantas ou máis palilleiras como hai noutros encontros por España adiante.

-¿Cantas participantes cre que haberá?

-Máis de 600, non, porque ese é o tope que nos marcamos, por cuestións de espazo, e chegarase a el sen problemas. Hai apuntada xa xente de moitos sitios de España (Toledo, Torrelavega), de Galicia e da Costa da Morte.

-¿Que se vai ver na festa?

-Ademais do evidente, as palilleiras realizando o seu traballo, proxectarase un vídeo sobre Camariñas, haberá actuacións de baile, sorteo de regalos e un desfile con modelos do pobo vestidas con traxes realizados por xóvenes deseñadores nas anteriores edicións da Mostra. As actividades comezarán sobre as 10.00, a inauguración está prevista para as 12.00 e o desfile será sobre as 18.00 horas, todo no pavillón.

-¿É moi caro organizar isto, máis nos tempos que corren?

-Ao Concello isto cústalle cero euros. Temos axudas fundamentais como as dos supermercados e panaderías da vila, que aportan por exemplo a merenda das palilleiras. O que hai detrás é moito traballo. Os cartos, cada vez menos, xa nos anunciaron da Xunta que reducen moito a achegas para a Mostra do Encaixe, de 40.000 a 15.000 euros, e creo que a Deputación vai facer o mesmo.

-¿Esta Festa da Palilleira en novembro pon fin á que se facía no verán?

-Non exactamente, porque para o verán tamén estamos preparando algo, con menos xente.

SANDRA INSUA RIAL concelleira de camariñas