A feira das industrias culturais Achegarte iniciouse reclamando a celebración de Culturgal en A Coruña

Camilo Franco

A CORUÑA

29 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Como un exercicio de «responsabilidade» abriuse onte Achegarte, a feira das industrias culturais galegas que, entre outras cousas, quere evitar que «A Coruña e Galicia quedase sen a celebración dunha cita como o Culturgal», segundo explicou a concelleira cultural, María Xosé Bravo.

Achegarte iniciouse a primeira hora da mañá con cruce de actividades tan distintas como a proxección dun documental sobre Curros Enríquez firmado por Rivadulla Corcón, unha reunión dos colectivos escénicos galegos, unha representación teatral para cativos, un concerto ou a presentación dunha nova publicación en cómic. Mentres Talía Teatro repasaba Mundos contados, Rei Zentolo presentaba con licor café as aventuras do seu novo personaxe, Centolomán, escrito por Rodrigo Cota e debuxado por Alejandro Viñuela. Rei Zentolo presentou o número cero no que se conta a transformación deste superheroe con poderes relacionados co licor café e que terá continuidade no ano próximo.

Máis dun cento de entidades e institucións abriron posto propio nos espazos do Palexco ou participan nas actividades dende onte e ata primeira hora de hoxe tentan ofrecer unha panorámica da actividade cultural do país. Mentres no exterior do recinto unha caravana rotulada como a caixiña de mistos ofrece proxeccións de películas para os pequenos no interior do edificio sucedéronse os distintos obradoiros, dende os realizados pola Asociación de Magos Profesionais de Galicia ou o de música tradicional impartido por Xabier Díaz.

O programa de actividades comezará ás 10.30 da mañá e entre outras actividades ofrecerá o adianto da primeira peza do que será o novo disco de Berrogüeto.