«Non prohibiría o botellón no campus, pero poría condicións»

R. domínguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O Valedor compromete traballo e rigor para resolver conflitos na UDC

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Enrique Martínez Ansemil (Santiago, 1952) é doutor do departamento de Bioloxía Animal, Vexetal e Ecoloxía, onde investiga o universo dos oligoquetos. Licenciado en Compostela, formouse en Marsella e Toulouse, traballou en Ourense e dende o 86 é membro da UDC, onde formou parte da comisión de garantías. O venres pasado foi elixido polo claustro, co 64% dos votos, Valedor Universitario.

-¿Vai ter moito traballo?

-O ideal sería que tivera pouco porque non se precisase, non porque se pensase que o Valedor non sirve. Ao mellor hai 30 casos ao ano e supoño que nun principio subirá polas expectativas. Penso que a xente confía en que vou traballar, dialogo con todo o mundo independentemente do grupo ao que pertenza, son elástico de mente, non se me perde nada nesto e ao igual que traballo con bichos moi pequeniños, son meticuloso nos detalles, non me precipito e me gusta chegar ata o fondo. Non podería traballar de oídas.

-É Valedor de toda a comunidade educativa, pero ¿non serán os alumnos os que máis recorran a vostede?

-Aínda que só sexa por número, o colectivo dos alumnos ao mellor leva o 80% dos recursos.

-¿Os exames e as notas son o principal motivo de queixa?

-Hai regulamentos que fixan convocatorias, prazos, revisións... mecanismos xeralmente ben aceptados. Pero se non é así, tamén está o Valedor para tentar que se modifiquen. Hai alumnos que arranxan así e son máis razoables do que parece se ven que o seu exame está corrixido con criterio. Pero pode haber conflitos. Poden vir a consultar simplemente, e dende logo velarei para que non se escorra o vulto. Non son ningún inspector, pero non podo nin penso deixar as cousas correr non porque ese foco poida traer outros casos, senón porque ese problema que parece pequeno, para o rapaz pode ser grande.

-A súa misión é velar polos dereitos. ¿Facer botellón no campus é un deles?

-Dende logo creo que dentro dos edificios, nas aulas, en principio, eu diría que non.

-¿Está de acordo entón coa prohibición preventiva, para que non se repita o do San Pepe?

-Non coñezo máis que por enriba o que pasou, pero en principio non me gustan as prohibicións, aínda que está claro que depende do comportamento e de como se regule. Á xente hai que darlle liberdade, pero con responsabilidade. Fóra, no campus, onde non molestan a ninguén si podería ser, pero sen destrozos. Non vou defender falcatruadas nin a Universidade está para pagar 50 gardas xurados ou un servizo de limpeza extraordinario. Se sempre que se fai botellón aparece o campus estrado e nin sequera lles sacas os colores... pero de entrada penso que se podería permitir con condicións, cuns responsables que tiveran claro que debe quedar como estaba. Penso que os alumnos, en xeral, responderían. Incluso non o prohibiría aínda que conlevara un pequeno gasto, entendendo que se trata dun acto social, con compoñentes culturais, de intercambio e convivencia que poden ser enriquecedores. As festas poden axudar a iso, pero se só quedan no desmadre, entón se estaría automaleducando.

enrique martínez ansemil valedor universitario

«Non son ningún inspector, pero non penso deixar correr as cousas»