Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Diego Ameixeiras: «Completo o que non se conta»

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

O ourensán é o gañador da undécima edición do Premio de Novela por Entregas con «Historias de Oregón»

09 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Diego Ameixeiras traballa con algúns materiais que na realidade non sempre se explican. O ourensán é o gañador da undécima edición do Premio de Novela por Entregas con Historias de Oregón, un relato con catro tramas que por unha parte proceden da vida real e, por outra, tenta dar unha explicación do non dito sobre os sucesos.

-Falou da dificultade de escribir a espazo fixo. ¿Sentiu esa dificultade mentres facía a novela?

-É unha dificultade que pode ser un baño de humildade porque ao final hai que cortar, quitar palabras e frases, e non te podes deixar levar polo estilo. Por ese lado, é un exercicio que creo que axudará para próximas novelas porque manda máis o espazo e contar a historia que deixarse levar por escribir. Creo que cando recibes un encargo ou cando é un premio como este, o escritor ten moito que aprender das esixencias.

-¿Pero tivo que adaptar o seu xeito a escribir por entregas?

-Seguín un proceso de escrita algo diferente para encaixar a historia nos trinta e un días. Primeiro fixen unha estrutura co que tiña que suceder cada un dos días e logo fun dosificando cada unha das catro tramas que levan a historia. Despois escribín capítulo por capítulo tirando un pouco polo que me pedía cada un e sen mirar a extensión, pero sen pasarme. Finalmente collín o conxunto e fun cortando os textos ata quedar nos carácteres esixidos para a publicación.

-¿Que teña traballado en medios de comunicación influíu na maneira de abordar a historia?

-Algo si. Pero quizais influíu máis o meu traballo como guionista, no que non vale de moito deixarse levar polas palabras. A secuenciación tamén pode ter sido influínte, pero creo que haberá máis da novela por entregas no que escriba no futuro que do escribín ata agora nesta obra.

-O xurado tamén falou de influencias cinematográficas.

-Non son moi consciente, pero é posible que sexa así. En parte, tamén relacionado co que falaba antes do guión, escribindo para as imaxes, e quizais algunhas poidan ser interpretadas así.

-As historias que conta na novela proceden da actualidade e da prensa. ¿Conta o que os medios non contan?

-A novela utiliza un feito que sucedeu. A morte dunha prostituta en Ourense a mans do seu cliente e mais as colectas que realizaron polo barrio naquela época. Esa é unha das tramas e, neste caso, ten un precedente real. Algunha das outras tramas, por exemplo a dos integrantes das brigadas contraincendios, non o ten tan claro na realidade, pero procede dela. O que sucede é que me permito o luxo de completar esas partes que non se contan aproveitando o que me permite a ficción. Neste caso invento o que lles sucede aos personaxes implicados, os problemas que teñen despois de queimar o monte. Pero sen distanciarme moito do que se pode entender como verosimilitude.

-Nesta novela volve a paisaxes moi concretas de Ourense. ¿Por que utiliza espazos tan recoñecibles para o lector?

-Creo que utilizar nomes de rúas reais axuda a que o lector identifique os espazos e coloque neles a historia. No caso do barrio do Couto, en parte é porque a historia da prostituta asasinada ocorreu aí realmente e non quería cambiar iso. Logo, ten que ver con que utilizo espazos que coñezo, como poden ser Ourense ou Santiago, porque é mellor falar de cousas que se coñecen, das que se poden dar detalles.

-¿Non se arrepinte de non ter utilizado unha trama na que rouban o libro tombo da catedral de Ourense?

-Non se me ocorreu, pero agora tería sido un acerto, incluso escribir unha novela sobre o roubo. Pero igual, antes do roubo do Códice, pensaban que era improbable.

diego ameixeiras gañador do premio de novela por entregas

«Escribir a espazo fixo é unha dificultade e un baño de humildade»