Xaquín Domínguez: «Primeiro son persoa, logo cura»

Jesús Flores Lojo
JESÚS FLORES REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Mentres Horacio Casares marcha para Mali, ás misións, outro sacerdote chega á vila disposto a impoñer o seu particular estilo

24 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A interrogante atopou resposta o pasado luns na TVG, cun 19,8 % de share, no capítulo piloto da novena temporada da serie que produce Voz Audiovisual. Louredo terá novo párroco. Mentres Horacio Casares (Pedro Alonso) marcha para Mali, ás misións, outro sacerdote chega á vila disposto a impoñer o seu particular estilo: Rodrigo carece das virtudes diplomáticas do seu predecesor. Cousas do guión, porque fóra dos platós o actor coruñés Xaquín Domínguez semella un tipo afable e conciliador.

-En Louredo vaise liar gorda...

-Pois si [ri a gargalladas]. Rodrigo non ten nada que ver con Horacio Casares, tan só o interese por facer unha igrexa máis moderna, o que manterá o enfrontamento con don Crisanto, o vello sacerdote. Polo demais, agora temos un cura moito máis directo cando se trata de abordar as distintas cuestións que se lle irán plantexando. É unha nova traxectoria argumental que seguro vaille seguir dando moito interese á serie.

-Vostede xa fixo de crego nos últimos anos dentro duns pases humorísticos de «Luar», pero este papel non ten moito que ver con aquel.

-Está claro. O de Luar era un rexistro humorístico máis popular, por dicilo dalgún xeito. A miña interpretación en Padre Casares, aínda que supoña a introdución dun personaxe distinto, cunha mentalidade diferente, intégrase dentro dunha serie que ten un selo propio formado ao longo de varios anos.

-Xa que fala dunha mentalidade distinta: Horacio Casares deixou atónitos aos veciños cando o viron aparecer por primeira vez en moto. ¿Que sorpresas traerá o seu personaxe?

-En moto, non andarei... [dubida e logo pon cara de misterio]: haberá sorpresas, unhas cantas, pero polo momento o que máis dará que falar en Louredo será o meu estilo directo. Vou dar un golpe de timón ao xeito de facer as cousas na vila.

-En Louredo estaban afeitos a Horacio Casares. ¿Custoulle a vostede afacerse á serie?

-Confeso que antes de comezar este traballo pensei que sería máis difícil encaixar aquí: o equipo de Padre Casares leva gravando moitos anos, tanto na parte técnica como na artística están moi compenetrados... E de súpeto chego eu. Pero todos colaboraron para que a miña adaptación fora máis sencilla.

-Dende logo, comezar gravando un capítulo en Mali, en vez de facelo nun plató non semella o inicio máis fácil.

-Iso podería ser unha dificultade engadida. Pero o de Mali foron nove días que valeron por vinte, convivindo cun equipo de oito persoas, que me permitiron tomar contacto co meu novo papel con moita intensidade. A chegada posterior ao plató foi menos forzada. E menos mal... porque desde que souben que ía acer de Rodrigo ata o comezo das primeiras gravacións só pasaron tres semanas.

-¿Como preparou o papel? ¿Fixo o que algúns, inspirarse noutros actores en rexistros similares, decidiu crear un estilo propio...?

-Pode dicirse que o meu lema para interpretar a Rodrigo é: «Son unha persoa, pero traballo de cura». Agora xa non é necesario transmitirlle aos veciños de Louredo que un sacerdote é un home que vive nos tempos actuais: iso xa deixoullo ben claro Horacio Casares. Agora, o reto é seguir chegándolle á xente, desde o punto de vista dun crego que ven de exercer o seu labor en África: moitas veces, Rodrigo terá a sensación de que era moito máis doado relacionarse cos seus fregueses de Mali que con estes indíxenas de Louredo.

-Non será para tanto...

-¡Uf! Aínda que Padre Casares é unha visión distorsionada e humorística da realidade, esta case sempre supera á ficción.

XAQUÍN DOMÍNGUEZ ACTOR, NOVO PáRROCO DE «PADRE CASARES»