O humor galego está presente na longametraxe, que rende unha homenaxe a Fernando Fernán Gómez
23 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Como se lle tocase a lotería. Así de contento estaba onte Ángel de la Cruz na presentación na Coruña do inicio da rodaxe Os mortos van ás présas , que o luns comezará en Rinlo (Ribadeo), e que se desenvolverá durante sete semanas. A unión de catro novas produtoras (Artemática, Perro Verde, Resonancia e Cinematógrafo Films) fixo posible retomar este proxecto, que se iniciou en setembro do 2006, pero que tivo que paralizarse por falta de cartos.
Todas estas vicisitudes que tivo que pasar Ángel de la Cruz xa están esquecidas, e o director e produtor mostrouse onte moi contento de contar cun plantel de actores «que es el mellor equipo con el que podía soñar». A actriz Neus Asensi (a única do reparto que non é galega) protagoniza a película, que comeza cando o tráiler que conduce queda atrapado na entrada do cemiterio dun pobo mariñeiro, xusto o día no que ían a enterrar ao patrón maior.
A retranca galega está presentes en toda a longametraxe, xa que, como confesou Ángel de la Cruz, el «echaba un poco en falta este género en la cinematografía española», ao mesmo tempo que o igualou o humor galego con irlandés ou o inglés. Ademais, neste filme ten unha grande importancia a paisaxe, algo que a actriz Neus Asensi quixo resaltar, e mesmo afirmou: «Cuando vine aquí el año pasado, me enamoré tanto del paisaje que me compré una casa y me voy a hacer gallega».
Na presentación de onte tamén se contou coa presenza doutro protagonista do filme, Chete Lera, que afirmou que tiña a sensación de que fixera «varias veces» esta película. «Estoy eufórico porque por fin se puede hacer, ya que es un guión extraordinario», apuntou o actor. O desaparecido Fernando Fernán Gómez tamén ía a formar parte do reparto, interpretando un papel que nunca fixera: o de morto. Por desgraza, a súa desaparición e a paralización da rodaxe impedírono, aínda que se lle renderá unha especial homenaxe. De feito, o dobre de Fernán Gómez, o actor Jean Claude Guimard, ocupará o seu posto na película.