Premio Trasalba 2008
30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A bibliotecaria e documentalista ourensá Olga Gallego Domínguez acaba de gañar o 26.º Premio Trasalba 2008 por decisión unánime da Fundación Otero Pedrayo. Recoñécese o labor intelectual dunha persoa vencellada á recuperación da cultura galeguista durante a posguerra. Olga Gallego foi, con Francisco Fernández del Riego, quen organizou os fondos documentais e bibliográficos da Fundación Penzol. Tamén está relacionada, di o xurado, coa figura e memoria de Ramón Otero Pedrayo. Nacida en Ourense no 1928, a premiada ingresou en 1958 por oposición no corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos. Foi destinada ao Arquivo da Delegación de Facenda e á Biblioteca Pública de Vigo como directora, e de 1969 a 1989 dirixiu o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, substituíndo a Xesús Ferro Couselo. En 1985 foi a primeira muller numeraria na Real Academia Galega. Nomes para o Trasalba na súa historia son os de Xaquín Lorenzo, Paz Andrade, Fernández del Riego, Méndez Ferrín, Alonso Montero, Torres Queiruga...
-¿Como se sente?
-Foi unha cousa inesperada. Non me vexo eu con méritos para estas cousas. Teño que rifar cos organizadores porque non me considero con méritos. ¿Que fago eu aí?
-¿Cando llo anunciaron?
-Seino xa desde hai varios días. Onte dérono á prensa.
-¿Que relación tivo cos membros da Xeración Nós?
-Bueno, eu non son desa xente, porque sempre tiven unha visión bastante independente e quizais me critiquen iso. O que a min me gusta é traballar en silencio sen que me alboroten.
-O Trasalba non é o primeiro recoñecemento que lle fan...
-Xa me concederon o lazo da Orde de Alfonso X no 1969 e non sei quen me propuxo; no 2000 déronme a Medalla de Prata de Galicia e hai dous anos a Medalla Castelao.
-¿Cando recollerá este premio honorífico?
-O 29 de xuño.
-Na tradicional romaría de Trasalba, no pazo de Otero Pedrayo.
-Preside o acto literario o presidente da Real Academia Galega e Isaac Díaz Pardo ofrece un debuxo para a ocasión.
-¿En que traballa agora?
-Teño varias frontes. Publicar o testamento do primeiro impresor ourensán e un traballo multidisciplinar sobre A Limia.
-Unha ratiña de biblioteca.
-A vida fíxome non dar voltas por aí. Iso faite unha ratiña, si, de biblioteca. Disfruto investigando. Gústame.