Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

La Voz ofrecerá mañá unha antoloxía de Álvarez Blázquez

La Voz

CULTURA

Persoeiros da política e da cultura asistiron a un acto no que Fernán- Vello recitou sonetos ?do poeta homenaxeado

16 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé María Álvarez Blázquez. Antoloxía. Poesía e Narrativa

. Este é o título do libro co que La Voz de Galicia celebra o Día das Letras Galegas e que será entregado mañá, sábado, co xornal polo prezo dun euro. O volume foi presentado onte nun renovado salón de actos da Real Academia Galega, un lugar que foi cualificado polo director do xornal, Xosé Luís Vilela Conde, como «a catedral da cultura galega, catedral pero tamén obradoiro, xa que non só se recolle e transmite a aportación dos devanceiros, tamén a academia traballa arreo superando unha das maiores eivas do galego, como era a diversidade de ortografías, esa ortografía de concordia foi traballada aquí e foi traballada a cincel», dixo diante dos representantes de partidos políticos, sindicatos, xentes da cultura e representantes de distintas institucións. Despois de lembrar o nacemento do Día das Letras Galegas, Xosé Luís Vilela lembrou as distintas iniciativas de La Voz arredor desta data, desde o suplemento publicado onte ao Culturas do sábado, pasando por «esta pequena pero sentida antoloxía, pequena porque un home tan polifacético é imposible recollelo nun libro, e sentida porque está feita polo seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo». Afirmou que o homenaxeado «dedicou a súa vida a todo tipo de actividades relacionadas con dúas palabras: cultura e Galicia » e, despois de citar algunhas das mesmas, lembrou que La Voz publicou Canle segredo no 2002, dentro da Biblioteca 120, «cando fixemos os 120 mellores libros da literatura galega». Rematou agradecendo á familia de Álvarez Blázquez as facilidades para publicar o libro, a acollida a Academia e aos patrocinadores da obra, Caixanova e a Consellería de Cultura.

Antes de recitar tres sonetos de Álvarez Blázquez, o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello cualificou a obra de «excelente antoloxía» e salientou o limiar de Xosé María Álvarez Cáccamo.

O presidente da Academia agradeceu especialmente a presenza dos alumnos do colexio Nosa Señora de Atocha e lembrou que entre La Voz e a Academia «houbo sempre unha estreita relación desde o primeiro momento», citando o exemplo de Manuel Murguía ou Tetamanci, que foron articulistas do xornal. Afirmou que este «é algo máis que un xornal; La Voz de Galicia é unha factoría intelectual e de opinión pública que está todo os días actuando sobre a sociedade».

Barreiro Fernández salientou de Álvarez Blázquez unha iniciativa «que non foi suficientemente desenvolvida», como foi a súa idea de instalar 300 puntos de venda de libros en cidades, vilas e aldeas. Rematou cunha invitación: «Que superemos sempre as discordias entre nós, que os que apostemos pola cultura galega saibamos que non estamos apostando por ningunha fórmula ideolóxica ou política; que defender o galego non é defender as teses de ningún partido; que defender a cultura galega é defender aquilo que constitúe a argamasa que nos une».