O galés será, tras o galego e o catalán, a terceira lingua non oficial da UE que se fale no Consello de Ministros
CULTURA
O galés, o idioma cooficial de Gales falado por cerca de 600.000 persoas no Reino Unido, seguirá o vindeiro mércores os pasos do catalán e do galego para converterse na terceira lingua non oficial da Unión Europea que se escoita oficialmente no Consello de Ministros da Unión.
A representación de Gales diante dos 27 anunciou a semana pasada que o conselleiro de Cultura do Goberno rexional, Alun Ffred Jones, sería o primeiro en empregar o galés, con tradución simultánea ao resto das vinte e tres linguas oficiais, como representante do Reino Unido no Consello de Ministros de Xuventude e Cultura que se celebrará en Bruxelas.
A intervención de Jones será posible grazas a un convenio entre o Goberno británico e o Consello e a Comisión similar ao que no seu día asinou España, e que dota ao galés, coma ao galego, o catalán e o éuscaro, de certo estatus de cooficialidade para permitir o seu emprego nas reunións ministeriais, previo aviso de sete semanas e en condicións restrinxidas.
«Simbolicamente, é un paso moi importante para a lingua galesa e para apuntalar o seu desenvolvemento», asegura a delegación de Gales en Bruxelas. Segundo fontes da Dirección Xeral de Interpretación da Comisión Europea, a intervención de Alun Ffred Jones chegará á cabina inglesa do Consello, que fará a translación ao inglés e a distribuirá ao resto de cabinas para que, á súa vez, a traduzan ao resto de linguas.
A Comisión dispón de nove intérpretes en galés, un número similar ao de intérpretes en galego e sensiblemente inferior aos de catalán. O primeiro en usar no Consello unha lingua non oficial foi o ex ministro español de Industria, José Montilla, que falou en catalán. O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, foi o primeiro en empregar o galego, pouco antes de que o fixera o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.