A empresa DTP Publishing, de Tokio, forneceu este mes ao mercado do país asiático unha edición bilingüe, en galego e xaponés, de 29 poemas de Cantares Gallegos ( Garisia no Uta no idioma nipón), de Rosalía de Castro, «o libro fundacional da literatura galega moderna», segundo o define no prólogo o profesor Xesús Alonso Montero. A versión é do profesor Takekazu Asaka, quen asina o epílogo como «embaixador da lingua galega no Xapón».
O volume, do que se editan 500 exemplares, vai acompañado dun cedé, que inclúe catro poemas musicados, interpretados pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa, que participou hai anos en Música en Compostela. Tamén inclúe 15 páxinas de vocabulario, igualmente nos dous idiomas.
A edición contou coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que contribuíu con 3.000 euros, segundo se indicou no lanzamento de onte en Compostela, ao que asistiron varios docentes do Instituto da Lingua Galega, que colabora cos proxectos de Asaka de difundir a lingua galega no Xapón nas tres últimas décadas.
No ano 2002, este especialista xa publicou 21 poemas de Cantares Gallegos traducidos ao xaponés. Con antecedencia preparou e difundiu no seu país unha Gramática do galego moderno , en 1993; unha Guía de conversación en galego , en 1994; un Vocabulario básico da lingua galega , en 1996; e mesmo unha versión dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, en 1993.
Linguas diferentes
Takekazu Asaka, que falou en galego, esclareceu que lle resultou difícil a versión, pois o galego e o xaponés son dúas linguas absolutamente diferentes, e resultou complicado adaptar frases feitas, e mesmo léxico utilizado por Rosalía, que non se encontra nos dicionarios galegos que manexou. «Traducir é unha arte, pero eu non son un artista», afirmou. Tentou facer unha tradución literal, aínda que hai matices dos versos de Rosalía que pensa non ter adaptado suficientemente, por falta de un maior coñecemento da cultura galega.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, afirmou que difundir a cultura galega no exterior é tamén unha maneira de normalizar a lingua.
Rosalía está traducida ao ruso -en San Petersburgo editan unha colección de literatura galega, xa con máis de dez títulos, de Rosalía de Castro e outros autores-, árabe e á maioría dos idiomas occidentais, mesmo algúns dos máis minoritarios.