As clasificacións non sempre son de fiar; ou alomenos iso é o que entende o adestrador do Portadeza de Primeira Nacional, Budi. O Balonmán Lalín visita esta tarde a cancha do Balonmano Arroyo, décimo clasificado na táboa, e, aínda que a priori debería ser un choque asequible, o técnico dezano non quere confianzas. «Vai ser un partido moi fastidiado. Hai veces que por distintos motivos non che saen ben as cousas e non vas moi ben na clasificación, pero iso non significa para nada que teñas mal equipo», explicou Budi.
O Portadeza, que viaxará ata Arroyo con todos os seus efectivos a excepción de Borja, atoparase cun rival que vén de sumar as súas dúas primeiras vitorias na Liga, o primeiro trunfo ante o Carballal, e o segundo ante o Ademar, ao que os vallisoletanos lle endosaron un amplo 33-17. Tras un comezo dubitativo, o equipo que adestra Rafa González semella estar atopando o seu espazo na cancha, e todo apunta a que será un rival moi complicado para o Lalín.
«Eles teñen xente moi boa, con algún xogador que militou en Honra B e algunha fichaxe máis», dixo Budi, «ademáis, é un equipo co que nós o pasamos moi mal», lembrou. A tempada pasada o Portadeza saldou con éxito os seus dous compromisos ante o Arroyo por vantaxes mínimas, gañando na ida por 27-25, e na volta por 27-28.
Para poder encadear outra vitoria nesta Liga, Budi entende que «temos que ter moi claro que temos que traballar moito e ir concienciados de que imos pasalo mal». O adestrador do Lalín considera que «partidos como o de Arroyo son os que deciden quen vai estar arriba e quen abaixo ao final da tempa».
Segundo explicou Budi, esta semana, tralo correoso encontro fronte ao Carballal, a plantilla estivo a «traballar moi ben», polo que «nós temos que tentar facer o noso xogo en Arroyo». «Hai que tentar sacar adiante este partido, e pase o que pase, pensar xa no seguinte», manifestou Budi, que reiterou a necesidade «de ir encontro por encontro, porque de pouco serve ir líderes se non hai distancia co terceiro clasificado», destacou o técnico do primeiro equipo do Balonmán Lalín.
Máis compromisos
O Club Balonmán Portadeza ten por diante unha fin de semana repleta de encontros. O segundo equipo xoga mañá ás 12.30 horas en Lalín ante o Tirso de Molina. Logo da traballadísima vitoria da pasada semana ante o SAR, os pupilos de Alberto Miguélez enfrontaranse a un Tirso de Molina antepenúltimo na clasificación, e necesitado de puntos.
Pola súa banda, as xogadoras de Primeira Autonómica viaxan a Tui mañá para afrontar o encontro ante o plantel local. Tamén contra a escadra de Tui xogarán as xuvenís de Agustín.
Para a xornada de hoxe, está previsto que ás 10.15 se disputen os encontros dos equipos infantil masculino e feminino do Portadeza ante o Chapela; os primeiros xogarán no Municipal, e as rapazas no Golmar. Ás 11.30 botarán a andar os alevíns. O conxunto A xogará contra o Chapela no Municipal, e o B recibierá ao Bueu B na pista do comarcal.
O cadete masculino recibe ás 12.45 horas ao Seis do Nadal, e o cadete feminino visita á SAR. O último partido da xornada de hoxe será o que enfronte aos xuvenís de Pedreira co Caldense a partir das 18 horas no Municipal.
Lotería do club
Noutra orde de cousas, o presidente do Balonmán Lalín, Higinio Gulías, lembrou que xa está á venda a lotería de Nadal do club. O número que xoga o Portadeza é o 72.260, e os interesados poden facerse cos décimos chamando ao número 654 523 321 ou ben ao 607 445 956. Gulías explicou que tamén se venderá a lotería en varios establecementos como o Bar Camilo ou o Mesón O Cruce.