O Portadeza de Territorial e o Tirso de Molina acabaron con empate e bronca

La Voz

LALÍN

13 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O encontro correspondente á sétima xornada do campionato de Liga en Primeira Autonómica entre o Portadeza Lalín e o Tirso de Molina concluíu con empate a 29 no marcador, e con trifulca sobre a cancha, segundo explicaron onte dende o club dezano. As diferentes protestas que se foron sucedendo ao longo do encontro e a brusquidade do xogo na segunda metade foron quentando os ánimos ata que nos últimos segundos do encontro, logo de que Nico marcase o tanto do empate, algúns xogadores locais se enzarzaron nunha trifulca con membros do equipo visitante. Segundo indicaron dende o Portadeza, a pelexa non pasou a maiores, se ben na acta os colexiados indicaron que dous xogadores locais empezaron a trifulca na que se viron implicados os visitantes, e que máis tarde un dos xogadores do Tirso de Molina lle propinou un golpe á porta dos vestiarios.

Dende o Portadeza apresuráronse a aclarar que se actuou con prontitude para calmar os ánimos, e que se velou pola integridade dos árbitros. Responsables do Portadeza manifestaron a súa confianza en que a cuestión quede zanxada con algún encontro de suspensión para os xogadores.

O encontro

A trifulca final chegou logo dun partido no que o Portadeza comezou «frío, sen intensidade defensiva e perdendo balóns», indicou o técnico local, Alberto Miguélez. A pesar de que os dezanos non asinaron o seu mellor xogo, foron quén de chegar empatados a 14 ao descanso. Coa reanudación, o xogo foi subindo en intensidade ao tempo que en maneiras bruscas. Os colexiados tampouco souberon impoñerse sobre a cancha.

Balonmán Deza

Máis tranquila foi a vitoria por 24-27 do Balonmán Deza na casa do Octavio. Polo Balonmán Deza xogaron: Perich, Antonio (3), Sergio (4), Diego (4), Félix (2), Gúmer, Salva (4); Jotaeme, Nené, Monti (2), Gonzalo, Leitán (6), Barciela (2). Logo do trunfo na casa do Octavio, o Deza comanda a clasificación e encamiña a Liga.