O Balonmán Portadeza Lalín xoga esta tarde en Salamanca un partido que non se pode permitir o luxo de perder. Logo da derrota da pasada semana en León, os homes de Budi están obrigados a gañar se queren manter algunha esperanza de loitar polo cobizado segundo posto da Liga.
O Portadeza, que partiu na tarde de onte cara a cidade salmantina, terá esta tarde diante a un conxunto que se sitúa décimo na Liga grazas ás sete vitorias que colleitou no que vai de campionato. O Restaurante Jero Ciudad de Salamanca chega ao partido ante o Portadeza logo de vencer a pasada semana ao Balonmano Arroyo por un apretadísimo 28-29 nun encontro de igual a igual entre dous equipos que loitan por alonxarse o máximo da zona de perigo da táboa.
O conxunto lalinense estará ao completo en Salamanca, con Carlos Aller xa recuperado, e con Canario que viaxa no canto de Bruno. O técnico dezano, Budi, destacaba onte a complicación que leva parella encontros como o de hoxe, máis aínda nunha Liga na que calquera equipo pode poñer en apretos a calquera.
O adestrador do Lalín destacou que o Salamanca é un bo equipo, que «fai un xogo que a min me gusta moito, e sorpréndeme que esté tan abaixo». O técnico do Portadeza opina que o descoñecemento da categoría e non estar acostumados a perder pode estar pasando factura aos salmantinos.
Precisamente a maior experiencia na Primeira estatal será unha das bazas das que tire esta tarde o Portadeza. «Se non cometemos erros podemos sacar vantaxe da experiencia na categoría», destacou Budi, que entende que a defensa dezana deberá ser a encargada de que o Lalín faga fronte ao Ciudad de Salamanca, «porque así xa vas con moito feito», sentenciou.
Partidos da base
O Portadeza Lalín de Primeira Autonómica masculina visita ao Poio esta tarde a partir das 19:55. O equipo xuvenil xogará na pista do Cangas polo terceiro posto provincial, mentres que os cadetes reciben ao Lavadores B. O plantel cadete feminino do Lalín enfrontarase no Golmar ao Balonmán Baiona ás 10.30, e mañá visitará ao Porriño B.
En infantil, o equipo masculino do Lalín visita mañá ao Porriño, mentres que as féminas xogan hoxe en Tui. En categoría alevín, o equipo A ten dobre xornada, medíndose hoxe ao Cisne en Lalín a partir das 12 horas e mañá ao Guardés en A Guarda. Pola súa banda, o equipo B xoga tamén mañá ante o Guardés. En benxamíns, o Portadeza recibe mañá ao Bueu A, mentres que os benxamíns do Balonmán Deza se enfrontarán ao Bueu B.