Sen dúbida esta fin de semana será a cara ou cruz para os seareiros do Portadeza, posto que mentres os xuvenís se xogan o sector galego, o primeiro equipo poñerá sobre a mesa boa parte da Liga na súa visita á cancha do Reálitas Guadalajara.
O Balonmán Portadeza Lalín e o equipo alcarreño xogaranse o domingo no polideportivo San José dous puntos que se presumen determinantes de cara a sentenciar que equipo acompañará ao Atlético Boadilla na fase de ascenso a Honra B. A diferenza de tan só un punto entre o Portadeza e o Guadalajara fai que os dous puntos que se porán en xogo o domingo sexan determinantes, posto que o Novás, cuarto clasificado, acumula 30 puntos, dous menos có Lalín, e 3 menos có Reálitas, polo que, a priori, a segunda praza debería xogarse entre dezanos e alcarreños.
O adestrador do primeiro equipo do Balonmán Lalín, Budi, destacou onte que o equipo estivo traballando durante esta semana a moi bo ritmo, «con moitísima intensidade, e todos perfectos», e salvo sorpresa de última hora, todo o equipo debería estar en condicións de viaxar a Guadalajara.
O encontro ante o Reálitas disputarase o vindeiro domingo, un factor que non xoga a favor do Lalín, ao que non lle gustan moito os encontros dominicais, e de mañá. O partido está previsto para as 12.30 horas, e estará arbitrado polos colexiados navarros Pascualena Zabalza e Bustamante López. A expedición dezana partirá mañá sábado cara a cidade manchega.
Presúmese igualdade
O encontro entre o equipo de Fernando Bolea e o Portadeza prevese que será moi disputado. Os dous conxuntos son coñecedores de que máis aló de dous puntos, pode estar en xogo a fase de ascenso, polo que a loita será máxima. No encontro de ida disputado en Lalín o Reálitas e o conxunto dezano acabaran en táboas (32-32).
No que vai de Liga, o Reálitas suma 16 vitorias, un empate e seis derrotas, mentres que o Lalín conta 15 trunfos, dous empates e seis derrotas. En canto a goles anotados, o Reálitas acumula 748, catro tantos máis có Portadeza Lalín, se ben os homes de Budi levan encaixados 649 goles, fronte aos 661 do Guadalajara.
Aínda que o partido desta fin de semana pode ser o definitivo, o Lalín aínda ten que recibir ao Bueu e visitar ao Cisne. Ao Reálitas quédalle medirse a Salamanca e Chapela antes de rematar a Liga.