Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Lalín acollerá unha das sedes da fase de ascenso a Primeira Autonómica

La Voz

LUGO CIUDAD

11 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O comité de actividades de Federación Galega de Balonmán acordou conceder ao Balonmán Deza unha das dúas sedes da fase de ascenso a Primeira Autonómica. Xunto con Lalín, Lugo será sede da outra fase, que a Federación asignou ao Club Balonmán Lugo. A primeira rolda da fase de ascenso celebrarase entre os días 25 e 27 deste mes, e contará con catro equipos emparellados en cada grupo. Ata o de agora o Balonmán Deza tan só coñece un dos seus rivais, o Pontedeume, posto que ao grupo no que milita o conxunto dezano aínda lle resta unha xornada de Liga por disputar, e están en xogo os postos do segundo ao quinto. Tan só o Deza, que acadou o título de Liga a pasada semana, ten segura a súa participación na fase.

O obxectivo do Balonmán Deza na fase de ascenso será rematar a primeira rolda situado primeiro ou segundo, xa que os dous mellores de cada un dos sectores acceden á segunda fase, que se celebrará os días tres e catro de maio nun pavillón aínda por determinar, pero que será neutral. Nese segundo sector de ascenso, no que se enfrontarán os mellores equipos das fases de Lalín e Lugo, o primeiro e o segundo clasificado terán o ascenso directo a Primeira Autonómica, mentres que o terceiro e o cuarto xogarán a promoción cos equipos que ocupan os dous últimos postos da Primeira Autonómica.

Os horarios que o Balonmán Deza baralla para os seis encontros da fase, e que están pendentes do visto bo da Federación, establecen o primeiro encontro do venres ás 19 horas e o segundo ás 21. O sábado xogaríase o primeiro partido ás 17 horas, e o segundo ás 19 horas; mentres que a última xornada arrancaría ás 11 horas co primeiro enfrontamento, e daríase por rematada a fase coa disputa do segundo partido ás 13 horas. Todos os encontros está previsto que se xoguen no pavillón municipal de Lalín.

Busca de orzamento

O Balonmán Deza, que esta semana deberá rematar a Liga visitando ao Sárdoma, iniciou xa a organización da fase de ascenso. Dende o club explicaron que están xa a xestionar a busca de apoios económicos para afrontar a organización do sector, que calculan requerirá entre 2.500 e 3.000 euros. Ata o de agora destacaron a boa disposición do Concello de Lalín e da Fundación Deporte en Lalín de cara á organización do torneo. Así mesmo, algunha entidade privada xa amosou a súa disposición a colaborar.