O Portadeza remata a Liga na pista do Cisne defendendo o terceiro posto

L.G.C.

LALÍN

12 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Portadeza Lalín de Primeira Nacional conlúe esta tarde o campionato de Liga. O conxunto dezano visitará ao Cisne nun encontro no que os lalinenses se xogan rematar terceiros, mentres que o Cinse aínda está pendente de salvar a categoría. Unha vitoria do Portadeza na pista pontevedresa deixaría ao Lalín como o equipo galego mellor clasificado no Grupo A de Primeira Nacional e garantiríalle aos homes de Budi pasar directamente á segunda rolda da Copa Galicia, que se iniciará próximamente. Hai que lembrar que o Lalín se sitúa terceiro na clasificación, pero emptado a puntos co Novás. Pola súa banda o Cinse sitúase cuarto pola cola con 16 puntos, os mesmos có Arroyo e o Bueu, pero tan só dous máis ca Carballal e Salamanca, co cal a xornada de hoxe aínda pode marcar diferenzas.

En calquera caso, o adestrador do Portadeza, Budi, subliñaba onte que o Lalín sairá á cancha do Cisne coa determinación de gañar, «porque é un partido coma outro calquera, e aínda que é complicado que a xente esté ao cen por cen, queremos rematar a Liga con dignidade». Este último encontro do campionato regular non terá sobre a pista a Aser, que continúa a recuperarse da súa lesión, e onte eran dúbida Pincho e Rubén. Na sesión do xoves Pincho sufriu unha contractura nas costas, co cal é seria dúbida, mentres que Rubén tampouco se atopa ao cen por cen.

Remata unha tempada longa

O partido desta tarde na casa do Cisne porá fin a un campionato de Liga «que se fixo longo e no que non sairon as cousas como agardabamos», entende Budi. O adestrador recoñece que as dúas últimas semanas lle pesaron ao Portadeza por non estar a xogarse unha das prazas da fase de ascenso, pero considera que á tempada aínda lle resta un tempo para rematar, co cal o equipo debe mirar adiante e afrontar con seriedade os encontros que lle restan.

¿Último partido de Liga?

Como todos os anos a estas alturas da tempada, comezan xa a soar nomes, como o de Camilo ou Jorge Gulías, que poderían poñer punto e final á súa andaina deportiva no primeiro equipo do Portadeza. De ser así finalmente, o de hoxe sería o seu último partido oficial de Liga coa camisola do Portadeza. Sen embargo, Budi opta por dar tempo ao tempo, e lembraba onte que «todos os anos soan nomes, pero o que está claro é que é moito máis bonito deixalo tras disputar unha fase de ascenso, que coma nesta Liga». Ademais, «agora estamos todos moi cansos porque a tempada se fixo longa, e agora pódese pensar unha cousa e dentro dunhas semanas cambiar de idea». Coa chegada de agosto, sostén o técnico, «tes aí esa espiña do balonmán».