Esta Liga está a ser posiblemente das máis igualadas dos últimos anos no grupo galego de Primeira Nacional. Tralas sete primeiras xornadas do campionato, e coa recente derrota ante o Porriño, o Balonmán Buda Lalín sitúase cuarto na clasificación con 8 puntos froito de catro vitorias e tres derrotas. O Novás conta cos mesmos puntos que os de Barrios, pero sitúase terceiro ao contar cun partido menos, e cunha diferenza de goles favorable (16), fronte ao balance negativo do Lalín (-2).
O Cafés Toscaf está a comandar a clasificación con 10 puntos e 5 vitorias ás súas costas seguido da SAR, que ten 9 puntos. Logo sitúanse Novás e Lalín, e a continuación, con sete puntos, atópanse o filial do Ademar e o Cisne, este último cun partido menos. Para redobrar aínda máis o axustado campionato, Xiria, con só seis encontros, Puerto Cruz e Chapela, tamén cun partido menos, acumulan 6 puntos.
O OAR coruñés acumula 5 puntos, e logo Porriño, Bueu e Covadonga pechan a clasificación con 4 puntos cada un.