A primeira rolda da fase de ascenso a Primeira Autonómica deparou que o Nattex Balonmán comece o seu periplo enfrontándose á SAR redondelana. O conxunto que adestra Paco Vilariño debuta hoxe (20.30 horas) no Municipal lalinense prantando cara a un rival que se lle deu ben nos encontros de Liga que disputaron esta tempada. Os dezanos impuxéronse nos dous partidos que os enfrontaron á SAR, e a intención é dar continuidade esta tarde a esa racha. Para elo, o Nattex disporá de toda a súa plantilla salvo Montilla por motivos laborais. Como xa ocorrera anteriormente, Javier Tajadura formará tamén parte do equipo de Vilariño.
Xa na presentación da fase o Nattex Balonmán avanzara que a súa intención pasa por contar por vitorias os seus tres partidos do sector se ben no club lalinense son conscientes de que é unha tarefa difícil, pero que tentarán en calquera caso. No que respecta ao debú do Nattex, Paco Vilariño destacou que a pesar de que na Liga se impuxeron con claridade, «a fase é moi diferente porque todo o mundo da o cen por cen, e hai tamén a posibilidade de que teñas un día malo». O técnico lalinense subliñou que para o Nattex será fundamental o encontro desta tarde, posto que se suman vitoria, permitiríalles enfiar o resto da fin de semana con máis tranquilidade, e sen a presión de estar obrigados a gañar os dous encontros restantes.
Os puntos fortes
O Nattex puxo de relevo xornada tras xornada na Liga a súa capacidade en ataque, cun promedio de máis de trinta goles por partido que deixou aos dezanos como o equipo máis goleador. Non é de estrañar entón que Vilariño considere que o punto forte dos seus pupilos radica precisamente no seu traballo en ataque, que cualifica como «garantía». No aspecto defensivo, o adestrador do Xabañús sinalou que o equipo foi evolucionando ao longo de toda a campaña, e que o obxectivo na fase é plantexar un encontro con alta intensidade en defensa.
Momento óptimo
Respecto ao momento no que o Nattex chega ao partido, Vilariño teno claro: no mellor. «Posiblemente chegamos á fase no noso mellor momento da tempada tanto física, como técnica, como tacticamente», manifestou o adestrador, que considera que «os últimos partidos da Liga foron moi bos».
A pasada fin de semana o Nattex disputou dous encontros amigables de cara a comprobar o rendemento do equipo xogando dous días seguidos, e según o seu técnico, as sensacións foron positivas. «A xente respondeu moi ben, e ademais temos rotacións; o rendemento do equipo non depende só dun sete inicial», asegurou Paco Vilariño.