Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Narrar non é un espectáculo é un labor comunicativo»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Unha ducia de narradores participaron nunha iniciativa na que levaron os seus relatos a 73 espazos da capital

04 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Acaba de rematar a décimoquinta edición do Festival Internacional de Narración Oral, organizado pola Comunidade de Madrid, que se desenvolveu baixo o lema de «Un Madrid de cuento» e que reuniu a narradores de prestixio internacional procedentes de Arxentina, Cuba, Colombia, Benín e distintas rexións coma Andalucía, Castela e León e Galicia.

-Único representante galego nesta edición...

-Nesta edición en concreto foi así, pero teño entendido que con anterioridade estiveron Paula Carballeira e Quico Cadaval participando nesta actividade.

-¿Como foi a experiencia?

-Moi boa. Da organización só podo decir cousas boas. Estaban sempre pendentes de que estiveramos ben, que nos atenderan axeitadamente... Moi ben. Logo, a experiencia en sí de ir a contar contos tamén foi moi positiva como o é habitualmente unha actividade deste tipo.

-Os organizadores escolleron 73 espazos diferentes -máis dunha trintena de bibliotecas públicas, hospitais, residencias, colexios..- nos que os narradores relataban as súas historias, ¿onde estivo Celso Fernández?

-Estiven na Biblioteca Nacional, nun instituto en Vallecas, en residencias de maiores, en dúas salas de teatro e nun bar.

-¿E onde se sentiu máis a gusto?

-En todos os espazos pero, onde máis, nas residencias de maiores polo vencellamente que manteño cos vellos. As contadas foron para persoas ben dispares, dende nenos de tres anos a vellos de cen. Cando me deron a relación dos espazos nos que ía facer contadas o que máis me gustou foi ver que había residencias ás que tiña que ir.

-Levaría un feixe de contos a Madrid...

-Un ferrado... Pero finalmente contei aqueles que mellor se adaptaban ao idioma. Unha das cuestións que máis me preocupaba deste festival de narración oral era pasar os meus contos, todos eles en galego, a outra lingua. Hai xiros que ao traducilos ao castelán non veñen a significar o mesmo... Ao final todo saiu ben e cando non atopaba a tradución da palabra comezaba ese intercambio entre narrador e público... Ao final todo foi ben. A narración non é facer un espectáculo é un labor comunicativo.

-¿Aproveitarían para intercambiar experiencias entre narradores?

-Finalmente puidemos xuntarnos todos os participantes ao facer tres comidas xuntos xa que cada quen estaba nun punto da comunidade e non era doado poder verse.