Xogar contra un equipo que non sumou nin un só punto en 15 partidos non é sinxelo. Un exceso de confianza podería pasar factura a unha plantilla como a do Balonmán Lalín, que vén dunha racha boa e de vencer a un equipo como o correoso OAR. Por iso Alberto Miguélez agarda que o equipo lalinense se plante esta tarde na casa do Covadonga mentalizado e con gañas de trunfo. Ás 20 horas dará comezo na pista asturiana un encontro de contrastes que os lalinenses afrontan con varias dúbidas na plantilla.
Iago e Marco, queixados dun virus estomacal, apenas puideron adestrar durante esta semana, e Roberto, que tivo descanso, podería repousar para non forzar máis o xeonllo. Sergio semella estar xa recuperado, e Alberto Miguélez avanzaba que de non volver hoxe, farao a semana próxima.
Non ás precipitacións
«Temos que saír moi metidos no partido e xogar ao cen por cen». Esas son as consignas coas que o adestrador do BM Lalín quere anticiparse a un posible exceso de confianza por enfrontarse ao colista. Durante a semana o preparador insistiu en cuestións como a precipitación e os erros. Tras revisar o partido contra o OAR Alberto considera que «fixemos un encontro bastante malo marcado polos erros e a precipitación, que é algo que xa nos viña pasando de antes. Precipitámonos moito nas xogadas á hora de sacar o contraataque», explicou. O técnico cre que é fundamental que o equipo teña menos présas á hora de disputar os partidos, e o de hoxe pode ser unha boa oportunidade para poñer en práctica un xogo máis sereno. Alberto entende tamén que a nivel de plantilla o partido ante o Covadonga suporá unha oportunidade para que os xogadores menos habituais «se reivindiquen».
Partidos da base
Os xuvenís do BM Lalín visitan mañá (12.15 horas) ao Octavio, ao que se medirán os cadetes ás 10.30 horas. As xuvenís reciben hoxe ás 17 horas ao Guardés, mentres os infantís A xogan na casa ás 11 contra o Cangas A. O Lalín B visita á SAR ás 10. O alevín A do BM lalín visita ás 11 horas ao SAR B, e o Lalín B xoga ás 12 na casa da SAR A. Os benxamíns do Xabañús descansan, e os do BM Deza xogan en Cangas ás 11 da mañá.