O Balonmán Lalín semella que se acostumou a gañar, e é que onte asinou en A Estrada a que supón a sexta vitoria consecutiva para os homes de Alberto Miguélez, que se impuxeron ao Bueu por 35-28.
O BM Lalín cumpriu co seu cometido ante un rival que vendeu moi caros os dous puntos. Tal e como se agardaba dende o banquillo roxinegro, os homes de José Luís Martínez, Lupo, son un contrincante ao que custa moito impoñerse.
Os dezanos saíron á pista do pavillón Coto Ferreiro algo fríos e espesos nas tarefas defensivas. Non conseguían atopar o seu sitio, sobre todo na zona central, e tampouco estaban rápidos nas axudas. Ese mal bagaxe defensivo da primeira parte permitiu ao Bueu adiantarse no marcador e ir por diante toda a primeira metade, aínda que isto non imprimiu excesiva presión aos dezanos. Os visitantes basearon o seu xogo en ataques que ao Lalín se lle facían eternos, pero que non se traducían en pasivos a ollos dos colexiados. Esa lentitude ofensiva impedíalle ao BM Lalín marcar a pauta do partido, aínda que o atino dos dezanos nas accións ofensivas mantíñaos no marcador. Ao descanso chegouse 13-14.
Trala reanudación, o BM Lalín apoderouse do partido. Con Cristian no lateral e Roberto Granja no centro da defensa, o equipo dezano centrouse e comezou a marcar a pauta e o ritmo do choque. A melloría defensiva facilitou contraataques rápidos e exitosos que logo deron a volta ao marcador. O Bueu acusou na segunda metade do encontro todo o esforzo físico despregado na primeira media hora e foise desinflando pouco a pouco. A medida que os de Lupo se ían quedando sen folgos nin ideas, o Balonmán Lalín reafirmábase no seu xogo. Ben en ataque estático, nas saídas, e mellor en defensa, os roxinegros adicáronse a incrementar a súa renda a medida que transcorrían os minutos ata chegar ao 35-28 final.
Valoración
O segundo adestrador do Balonmán Lalín, David Carbón, valoraba moi positivamente o resultado colectado polo seu equipo. O técnico dezano lembrou que a pesar do que indica a táboa clasificatoria, o Bueu é un rival moi difícil de vencer. Os dous puntos sumados onte, ademais de significar a sexta vitoria consecutiva para o Lalín, permítenlle aos de Alberto Miguélez distanciarse en catro valiosos puntos do Cisne, o seu máis directo perseguidor.
Os pontevedreses sucumbiron de un gol ante o Chapela, polo que o Balonmán Lalín desprazarase o vindeiro sábado á casa do Cisne con 4 puntos de vantaxe e o ánimo que aporta levar seis encontros consecutivos sen coñecer a derrota.