O Balonmán Lalín remata mañá a campaña en Primeira Nacional con opcións de certificar o terceiro posto, e con mellores números que o curso pasado
09 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Chegar á última xornada da Liga en Primeira Nacional con opcións de certificar o terceiro posto da clasificación non entraba nos plans do Balonmán Lalín a comezos da tempada 2009/10. Facendo pouco ruído, o equipo lalinense foise facendo un oco semana tras semana na zona alta da clasificación e converténdose nun dos rivais máis temibles, xa non só por nome -que tamén-, senón por resultados.
A combinación de veteranía e xuventude que maridou esta campaña o BM Lalín resultou un cóctel exitoso a pesar de que comezou con máis dúbidas que certezas. A filosofía de xogo que tradicionalmente acompaña aos dezanos, con defensas fortes, contraataques rápidos e velocidade e intensidade nos encontros, interiorizouse ben por parte de toda a plantilla. Con 25 encontros disputados, e cando só resta por xogar o último partido ante o Chapela, os números sitúanse do lado da escuadra dezá, que suma 12 vitorias, 7 empates e 6 derrotas.
O propio responsable do Balonmán Lalín, Alberto Miguélez, que tamén chegou ao equipo sen facer barullo, recoñece que o transcorrer da Liga se debuxou con «sorpresa». «Non esperabamos unha tempada así, e estou moi satisfeito; oxalá certifiquemos a terceira praza, que ao meu entender, sería moi bo papel», considera o técnico. De feito, como mínimo o BM Lalín 2009/10 rematará a campaña co mesmo resultado que a Liga anterior, cando se confiaran ao reputado Javier Barrios as as rendas da primeira plantilla.
Nunha tempada ligueira que destacou pola súa igualdade, o BM Lalín destacou polo gran número de empates que colectou. Sete igualadas, as mesmas que a Avilesina, cobran agora un valor notable, aínda que no seo roxinegro se botan en falla algúns puntos que se deixaron escapar polo medio.
Balance ofensivo-defensivo
O Balonmán Lalín, sen destacar entre os equipos máis anotadores, nin entre os que menos goles encaixaron, conseguiu facerse un oco entre os grandes. O balance entre tantos a favor e en contra vén dar mostra dos resultados igualados cos que remataron case todos os partidos dos dezanos, xa fora en forma de vitoria ou de derrota. O BM Lalín leva anotados 739 goles, que o sitúan como o sexto equipo que máis marcou, e encaixa 701 tantos, que o converten tamén na sexta escuadra que menos goles en contra rexistrou. En diferenza de goles, contrasta os 38 a favor que leva o BM Lalín fronte aos 128 do Novás, ou os 145 do Chapela.
Mellor campaña
A pesar de que cada tempada é un mundo, se tomamos como referencia a Liga pasada, comparando as cifras do BM Lalín na xornada 24 (o grupo galego estaba formado por 13 equipos na campaña 2008/09), os números da escuadra roxinegra resultan máis positivos este curso. O Lalín da campaña pasada asinaba tras 24 partidos 28 puntos, con 13 vitorias, dous empates e 9 derrotas; esta campaña, os dezanos acadan os 31 puntos xestados en 12 trunfos, 7 empates e 5 derrotas. Ademais, incrementaron en 14 os goles a favor, e rebaixaron en 18 os encaixados. Sen dúbida, un trunfo mañá poría o colofón a unha meritoria tempada do BM Lalín.