Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Chapela xógase no Deza as súas opcións de título

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

09 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Lalín celebrará o seu fin de festa ligueiro no Municipal. Mañá ás 19 horas o pavillón lalinense acollerá o encontro entre os de Alberto Miguélez e o Chapela de Fran Teixeira. A pesar de que tanto Novás como Chapela teñen certificado que disputarán a fase de ascenso, aínda queda por ver quen clasifica como primeiro, e polo tanto, quen parte con dous puntos no canto de un no sector. O Novás, que mañá se mide ao Cisne, está liderando a táboa, pero ten só un punto de marxe respecto aos de Teixeira, polo que unha derrota dos de O Rosal e un trunfo do Chapela daríalle a volta á zona de privilexio da clasificación.

Consciente de que ser campión de Liga leva implícitas certas vantaxes no sector, o Chapela visitará Lalín apurando as súas opcións de gañar o título. Os homes de Fran Teixeira apostarán por buscar o trunfo, e para elo o adestrador ten previsto forzar aos xogadores que o equipo ten renqueantes; a única baixa será a de Adolfo, que leva tres meses con problemas nun ombro. «Se non se estivera xogando o título na última xornada, non forzariamos, pero co que hai en xogo, contaremos con toda a xente, aínda que sexa para minutos».

Fronte ás aspiracións de título do Chapela, o BM Lalín preséntase coa intención de certificar o terceiro posto da clasificación. Os dezanos, con 31 puntos, precisan polo menos un para non depender do resultado do OAR Coruña, que recibe á Avilesina, e que conta 29 puntos e máis o golaveraje ao seu favor. Á vista de que tanto Chapela como Lalín se xogan algo, Fran Teixiera ten moi claro que «será un partido moi intenso e cos equipos moi motivados; está claro que non é como se nos xogaramos entrar na fase, pero vai ser un partido moi bonito».

Para o veterano adestrador, a chave do partido de mañá pasará pola defensa, «o que mellor defenda e estea máis organizado en ataque, sen perdas de balóns, será o que se leve o partido, porque os dous equipos xogaremos ao cen por cen», conclúe Teixeira.